Sobre fascismo español, folclore e nacionalidades históricas

Xosé Manuel Núñez Seixas gaña o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio

O catedrático de Historia, Xosé Manuel Núñez Seixas, faise co Ramón Piñeiro de Ensaio coa súa obra De imperios e danzas: poéticas da pluralidade territorial no fascismo español (1930-1975).
nunhezseixas
photo_camera Xosé Manuel Núñez Seixas. (Foto: Nós Diario)

A obra De imperios e danzas: poéticas da pluralidade territorial no fascismo español (1930-1975), de Xosé M. Núñez Seixas, resultou gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2020, organizado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta e mais a Editorial Galaxia, co patrocinio de Caixa Rural Galega. 

O xurado destacou do ensaio a súa capacidade analítica, así como a ampla e rigorosa documentación que o conforman e coas que consegue despregar este estudo sobre o fenómeno da utilización do folclore e dos seus símbolos por parte do fascismo.

Á luz da documentación recollida por Núñez Seixas e do enfoque contrastivo entre as diferentes nacionalidades históricas realízase un estilo diáfano e crítico. Ademais, “a obra premiada vencella o presente con feitos históricos que informan o actual debate sobre a organización do Estado, salientando dese modo a actualidade do tema”, explican.

O xurado estivo formado por Luís Alonso Girgado, Xesús Fraga, Rexina Vega, Montserrat Pena e Carlos Lema, como secretario con voz e voto, que salientou a calidade dos orixinais presentados, así como a variedade de temas tratados neles.

O ensaio premiado, que recibirá 3.000 euros, publicarao Editorial Galaxia durante o próximo ano.

O autor premiado

O ourensán Xosé M. Núñez Seixas é doutor en Historia Contemporánea polo Instituto Universitario Europeo de Florencia, ademais de catedrático de Historia Contemporánea na Universidade de Compostela (USC) e de Historia Contemporánea de Europa na Universidade Ludwig-Maximilian  (Alemaña).

É vicepresidente do Consello da Cultura Galega e en 2019 xa foi galardoado polo co Premio de Ensaio do Ministerio de Cultura.

Comentarios