Carlos Pereiro, creador da revista 'Morcego'

Carlos Pereiro: "En números de venda, o galego pesa pouco para as empresas de videoxogos"

Carlos Pereiro, creador de 'Morcego', revista dixital sobre videoxogos que se edita en galego, mais que fala de contidos internacionais, xa forma parte da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega. Repasamos con el a realidade dun sector que "move máis cartos que o cinema" e tamén "é cultura".
Retrato de Carlos Pereiro. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Retrato de Carlos Pereiro. (Foto: Nós Diario)

Vén de incorporarse á Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega. Como recibe isto?
Moi positivamente, formar parte desta entidade é unha honra e unha oportunidade para intentar axudar nun grupo de traballo que aspira a mellorar, desde diferentes eidos, a nosa posición como cultura. É un orgullo traballar arreo en ferramentas, actividades, informes... que permitan facer da nosa lingua, da nosa cultura, un pouco máis forte. 

O seu perfil, claramente vencellado co mundo dos videoxogos, tamén é, entendo eu, unha aposta do Consello en chegar a outros eidos que saen do feito cultural máis institucionalizado.
Si, eu tamén o percibín así e foi como mo transmitiron desde o Consello. É unha mostra de vontade por chegar a outros terreos, por dous motivos. Primeiro, pola miña idade, que debo ser, senón o membro máis mozo, polo menos nesta sección, un dos máis novos. Entra deste modo, como digo eu, un pouco de frescura na idade, dentro do que cabe -que igual un de 30 coma min pode ser máis vello que un de 40! E logo, no relativo ao videoxogo, é unha aposta. Veremos canto tardamos en chegar a algo práctico, pero paréceme moi positivo que o Consello mostre interese neste eido. E creo que é intelixente, porque evitalo sería caer na ignorancia. Se falamos dunha industria cultural que move máis cartos que o cinema e que reúne máis xente que a literatura, ten que estar aí representada. Os videoxogos son cultura, non podemos esquecelo. 

Mais moita xente aínda non o percibe así.
Como todo na historia. Calquera produto cultural novo nunca é recibido cos brazos abertos, por parte de ninguén. O cinema tivo que loitar para ser a sétima arte, a banda deseñada aínda anda aí... Ao final acábase cedendo. O cambio xeracional remata por imporse, para ben e para mal. Oxalá non dependese diso, de avanzar en idade. Pero é así. 

Vostede é creador da revista Morcego, centrada na difusión dos videoxogos. Como naceu?
Xurdiu cara a finais de 2018 como un proxecto puramente cultural, non empresarial. Para min tratábase simplemente de encher ese oco: que se alguén quere ler algo en galego sobre videoxogos que teña un sitio onde acudir. E tamén compartir e achegar ideas.

Falamos da insdustria dos videoxogos, como se atopa este sector na Galiza? 
Penso que se atopa neses intres complicados nos que pode ir para arriba ou pode estancarse. O apoio das institucións é mínimo, o interese xeralmente tamén, por non dicir inexistente. No eido privado hai estudios que van sacando videoxogos, hai algún proxecto ambicioso... Mais aínda non se pegou esa sorte de gran lanzamento que poña a Galiza no panorama. Pero nunca é tarde, pode pasar en calquera momento. Ou se cadra dentro duns anos temos cinco, seis ou sete estudios que funcionen, capaces de autososterse, e xa sería unha boa nova.

Que papel poderían xogar os videoxogos na normalización da lingua galega?
Poderían ser axentes normalizadores, como calquera filme ou serie que se dobra á nosa lingua. Creo que todo o que sexa estandarizar o galego no noso día a día é unha das mellores accións que podemos facer. Poder xogar en galego sería un avance substancial.

E como se atopa a nosa lingua nos videoxogos que se fan no país? Porque moitas veces é unha industria que produce para fóra, directamente en inglés.
Ou ruso ou chinés. Os videoxogos teñen un mercado internacional, cando fas aquí realmente nin sequera pensas especialmente no marco estatal. En números de venda, o galego pesa pouco para estas empresas. Aínda que pode haber, que os hai, xogos en galego, non é a prioridade económica. Pode ser unha prioridade cultural ou social, pero se lles das a escoller a maioría dos estudios prefiren facelo en inglés que en galego. Como pasa en moitas outras cousas. E é unha mágoa. 

E como se podería reverter esta dinámica?
Concienciando, eu creo, co feito de que desde aquí deberías querer moito máis a túa lingua e deixar que ocupase un espazo fundamental nunha obra cultural como esta. Sobre todo porque tampouco é un exceso brutal de traballo poder ter unha localización na lingua que é a túa. Non é que teñas que facer unha carreira de tradución e interpretación. Aquí ao mellor poderías facer un croquis e darllo despois a un filólogo ou corrector para que o revise. Falta iniciativa. Falta querer. 

Comentarios