Numax, a mellor sala do Estado segundo Europa Cinemas

A rede internacional de exhibición Europa Cinemas presentou en Cannes (xa saben, o Cans de Francia, o festival máis prestixioso do mundo) a súa memoria anual de resultados e actividades na que o Cinema Numax aparece como exemplo do ano no contexto exhibidor español.

numax-aki
photo_camera Aki Kaurismaki na sala Numax [Foto: Tamara de la Fuente]

Nun acto celebrado o pasado domingo 21 de maio no Hôtel Carlton, situado no boulevard da Croisette de Cannes, Europa Cinemas fixo públicos os resultados e actividades máis significativos do último ano. O apartado “Cinemas on the Move”, que recolle exemplos a seguir no ámbito comunitario, destaca a actividade de Numax, sala de referencia do ano para a rede europea.

En pouco máis de dous anos esta sala compostelá consolidouse como un dos proxectos culturais máis innovadores do país, contando cun equipo de profesionais interdisciplinar -cinema, libraría, deseño gráfico, vídeo e comunicación-. Ademais, ampliou a súa actividade cunha nova aposta: Numax Distribución, unha distribuidora de filmes independentes que opera en todo o Estado. 

O balance destes dous anos de traballo, segundo a propia empresa, "non pode ser máis positivo". Eis os datos que achegan: máis de 1.000 persoas aboadas que participan con asiduidade das actividades da cooperativa, sumando xa máis de 70.000 espectadores en sala. Dos 5 traballadores iniciais do proxecto chegouse aos 11 actuais e chegaron a acordos colaborativos con iniciativas tanto locais como internacionais, como o IFFR (International Rotterdam Film Festival), WOS Festival, Curtocircuíto, Cineuropa, S8 Festival de Cine Periférico, Festival Márgenes, Festival Novos Cinemas ou o Festival de Cine de Ourense, entre outros.
 

Comentarios