Nuada, Verbena Velutina e Raiceira, finalistas do certame Eclosom

As tres bandas actuarán na gala final que se realizará no centro social compostelán A Gentalha do Pichel o próximo 28 de abril

IMG_3422-1024x682
photo_camera As dúas componentes de Raiceira

O certame das músicas emerxentes do Pichel, Eclosom, acaba de seleccionar as súas tres bandas finalistas. Nuada, Verbena Velutina e Raiceira foron as escollidas por voto popular entre os sete grupos apresentados a concurso. Da gala final, programada para o sábado 28 de abril no centro social A Gentalha do Pichel, sairá a gañadora por valoración dun xuri especializado e decisión do público presente.

Nuada e Verbena Velutina foron as dúas bandas que colleitaron máis apoios, ambas empatadas con 29,7% do total de 785 votos. A primeira é unha banda de rock en galego formada por tres amigas da aldea: Marina (batería), Elena (baixo) e Brais (voz e guitarra). A segunda xorde en abril do pasado ano no C.S.A. do Sar, onde se xuntaron Korvo (baixo), Marco (batería), Aurora (vocalista e letras), Michele e Dani (guitarras) para crear música cunha esencia punk. Ségueas de perto Raiceira, un dúo formado por Sabela Vázquez (violoncelo) e Carme López (voz e percusións) que reinterpretan as melodías populares da tradición oral galega, que conseguiu 24,8% dos votos. 

O premio do concurso, alén dunha mini-xira por diferentes centros sociais do país, consistirá en 300 euros para a banda gañadora e unha actuación en Compostela, nos concertos da Festa do Dezassete que este ano se fai o 12. Por segundo ano consecutivo, o Eclosom volta a fomentar a música do país, en galego, e con mulleres.

Comentarios