Novos estudos afondan na 'moderna' Galiza anterior a 1936

O Departamento de Memoria da Deputación presentou hoxe ‘O Pasado Por Vir 2. Un tempo posible’, un libro que pretende “dar pulo” a novas investigacións sobre a sociedade e as liberdades anteriores ao golpe

Presentación do Libro esta cuarte feira (Foto: Deputación de Pontevedra).
photo_camera Presentación do Libro esta cuarte feira (Foto: Deputación de Pontevedra).

O Departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra presentou onte O Pasado Por Vir 2. Un tempo posible, un libro que pretende “dar pulo” a novas investigacións sobre a sociedade anterior ao golpe de estado, e no que se inclúen artigos sobre proxectos concretos relacionados coa modernización, o desenvolvemento científico, a economía, a loita feminista, o comercio, o deporte e a arte na Galiza -e na provincia de Pontevedra en particular- a principios do século XX.

A deputada de Memoria María Ortega, encargada de abrir a presentación da publicación –que encheu o salón de plenos provincial coa participación da técnica de Memoria e coordinadora do libro Montse Fajardo, Xaime Toxo e Margarita Ledo- subliñou que “necesitamos facer un esforzo conxunto porque a memoria segue sendo unha tarefa urxente e ineludible”. “O franquismo, -dixo a nacionalista- ademais de destruír o soño colectivo, demonizou a importancia do tempo furtado, e loitar contra ese relato imposto é a única forma de deixar atrás o tempo do medo e avanzar en liberdade”.

“A ditadura rouboulle demasiado tempo á sociedade soñada e tócanos remar para ser a xeración que a acade”, subliñou Ortega, destacando que pasou case un século dende o golpe de estado e “aínda non fomos quen de resarcirnos de todas as perdas”. Para facelo, insistiu, “é imprescindible estudar e divulgar, non só a represión, senón tamén como era a sociedade anterior ao golpe”.

Para iso, dixo, O Pasado Por Vir 2 recolle o testemuño da anterior publicación do departamento de Memoria editada en 2021 (O Pasado Por Vir. Achegas á historia que desbotou o Franquismo’, que xa contaba a grandes pinceladas como foran as loitas agraria, política, sindical ou cultural de inicios do século XX.

”Este libro vainos axudar a construír ese pasado que ficou por vir”, asegurou, con escritos e investigacións “que permiten que paseemos por distintos lugares da nosa provincia” para coñecer mellor proxectos como a Cerámicas Celta de Pontecesures, o Samil de Os fillos do sol, o Tomiño da Aurora del Porvenir, a Pontevedra da Misión Biolóxica, ou o Bueu cultural que reunía a Maruxa Mallo, Johan Carballeira, Romulos Gallegos ou Torrente Ballester. Tamén achega as biografías de persoas como Alejandro Viana, Urania Mella, Xan de Forcados ou Onia Moreno, das que malia a súa importancia, insistiu, aínda queda moito por descubrir.

Palabra e luz da cultura en Bueu

As persoas autoras dos dez artigos incluídos no volume son Miriam Miguélez González, David Rodríguez Rodríguez, Roberto Mera Covas, Mila Bouzón Castroagudín, Natalia Jorge Pereira, Concepción López Sánchez, Xaime Toxo, Francisco R. Pastoriza, Arturo S. Cidrás, Montse Fajardo Pérez, Margarita Ledo Andión e María Ángeles Tilve Jar.

Deles, Xaime Toxo e Margarita Ledo estiveron presentes onte na presentación no salón de plenos provincial falando dos seus respectivos artigos: ‘A xénese do intanxible: Bueu: 1931/1936’ (xunto a Francisco Rodríguez Pastoriza e Arturo S. Cidrás) o primeiro, e ‘Esas doas que entrenzan nación e cinema’, a segunda.

Toxo afondou no tempo do rebulir da vida política e social no Bueu de antes do golpe, no que un conglomerado de formacións políticas de centro esquerda chegou á Alcaldía con Johan Carballeira como alcalde. Lembrou o conflito motivado pola abundancia de sardiña e a loita fratricida entre a xente do mar e o colectivo armador, e como o rexedor –un habitual dos artigos de opinión nos xornais- adoptou medidas como unha subscrición pública para axudar á xente do mar, a negociación da baixa do prezo do pan, ou que houbese un prezo mínimo para as caixas de peixe e un soldo base para as persoas traballadoras, algo que puxo Bueu na mirada de todo o país.

A profesora e investigadora Margarita Ledo realizou na súa intervención unha explicación da relación que se desenvolveu entre o nacionalismo e o cinema antes do golpe. Para iso fixo un percorrido polos “vinte dourados anos” entre 1916 e 1936 que viviu o cinema coa creación do primeiro filme galego de fición Miss Ledya (1916, José Gil), e a chegada do primeiro filme nacional galego con Galicia (1936, Carlos Velo), “un periodo luminoso que propicia iniciativas e propostas cuxa diversidade de protagonistas permitiron soñar cunha sociedade en marcha, cunha Galiza mellor”.

Destacou Ledo que entón había ansia por experimentar e aplicar, por levar adiante iniciativas e expresións creativas, así como un afán divulgativo do que era o país. Como figuras destacadas, falou a profesora de Ramón e Enrique Barreiro ou o pintor Ramón Peña, así como de Castelao (que debuxou escenas sobre celuloide, fixo un cameo en Miss Ledya, ou que é base da película de José Signo La tragedia de Xirobio’baseada nun dos relatos de Cousas da vida).

Comentarios