Novos Cinemas dedícalle un especial a Luis López Carrasco

Na quinta edición do festival abrirán e fecharán os filmes Lúa Vermella, de Lois Patiño, e My Mexican Bretzel, de Nuria Giménez.
O cineasta Luis López Carrasco (Nós Diario)
photo_camera O cineasta Luis López Carrasco (Nós Diario)

A quinta edición de Novos Cinemas, o Festival Internacional de Cine de Pontevedra, deu a coñecer os primeiros contidos da súa programación. O evento, que se realizará entre os días 15 e 20 de decembro, ten previsto dedicar un espazo especial ao cineasta murciano Luis López Carrasco. Ademais, as propostas que abrirán e fecharán esta edición serán os filmes Lúa Vermella, de Lois Patiño, e My Mexican Bretzel, de Nuria Giménez, a cal se poderá ver por vez primeira na Galiza.

Estes dúas cintas son, para a organización do festival, "eximios exemplos dun cinema tan singular como radical nas súas formulacións estéticas" ao partir "de concepcións e proposicións aparentemente dispares" mais que "semellan compartir un obxectivo común: o mergullo e a dispersión activa do espectador nunhas paisaxes que destilan tanta sensorialidade como emoción e reflexión".

Luis López Carrasco

Novos Cinemas recollerá no especial sobre López Carrasco as obras Aliens, El Futuro e El año del descubrimiento.

Se en El futuro o cineasta vaticinaba o abismo que devoraría toda unha xeración, potencialidade pura, posuída polo espírito da esperanza, Aliens, parte da reflexión do arquivo da líder de Zombies Tesa Arranz, e debuxa un retrato comido polo VHS, onde se mostra esa inquietude transgresora e rupturista da cultura dos anos 80.

A terceira obra, El año del descubrimiento, relaciona toda esa frustración e ese engano de principios dos oitenta para contrastala cunha suposta bonanza dos anos 90, un período no que o Estado español aspiraba a internacionalizarse e a abrirse ao mundo mediante a organización de grandes eventos internacionais sen límite económico. 

Colaboración coa plataforma Filmin

O festival de cinema pontevedrés apostará este ano por unha edición mixta que combinará proxeccións na cidade co inicio da colaboración coa plataforma de vídeo baixo demanda de pago Filmin.

Desta maneira, o festival aproveitará as novas canles de difusión para ofrecer tamén ao seu público, de maneira online, as súas dúas seccións competitivas (Oficial e Latexos) e unha selección especial de filmes que o equipo de programación prepara para esta nova edición. 

Comentarios