martes 14.07.2020
Cultura

O festival Novos Cinemas abre a recepción de obras

O festival terá lugar de 15 a 20 de decembro de 2020
foto Novos Cinemas
foto Novos Cinemas

Xa está aberto o prazo para a presentación de filmes para participar na quinta edición de Novos Cinemas, o festival de cinema internacional de Pontevedra, que se desenvolverá este ano entre o 15 e o 20 de decembro na cidade do Lérez.

Novos Cinemas é un festival de cinema aberto a cineastas emerxentes de todo o mundo que conta con dúas seccións competitivas de ámbito internacional: a Sección Oficial e Latexos, destinada a dar visibilidade a producións de factura máis fráxil e íntima. Poderán inscribirse todas aquelas longametraxes (a partir de 60 minutos) que supoñan a primeira ou segunda obra dos seus realizadores e realizadoras.

Serán admitidos traballos producidos, ou cuxa estrea mundial tivese lugar, despois do 1 de xaneiro de 2020, sempre que non fosen estreados comercialmente no Estado, nin exhibidos en circuítos de televisión públicos ou privados no momento da súa inscrición a concurso. O período de admisión estenderase até o 10 de setembro de 2020.

Cinco premios

O festival concederá cinco premios. Un Xurado Internacional outorgará o galardón Novos Cinemas á mellor longametraxe da Sección Oficial, cunha dotación económica de 2.000 euros. Outro xurado, composto por estudantes do campus de Pontevedra da Universidade de Vigo, outorgará o Premio Xurado Novo, cunha dotación de 500 euros en forma de bolsa para o director ou directora.

Profesionais da crítica cinematográfica outorgarán o Premio da Crítica á mellor longametraxe da competición. O Latexos, concibido en colaboración coas cooperativas Numax e Zumzeig e o Círculo de Belas Artes (Madrid), implicará a exhibición do filme nestes espazos. A media ponderada de votacións das espectadoras e espectadores outorgará o Premio do Público.

comentarios