Este sábado no Teatro Colón da Coruña

Novoneyra por Uxía

A relación do gran poeta do Courel coa música foi maiormente oblicua. E non moi prolífica. Bibiano Morón, animador de Voces Ceibes, adubiara de rock progresivo aquel haicú estremecido polo asasinato de Amador e Daniel. Era 1975. O cantautor Suso Vaamonde, Emilio Cao ou, máis tarde, Xabier Díaz tamén o intentaron. Pero a delicadeza da poesía de Uxío Novoneyra non achou excesivo acomodo musical. Ate que chegou Uxía.
 

uxíonovoneyra
photo_camera O poeta Uxío Novoneyra. Foto: cedida.

A cantante de Mos, acompañada do guitarrista Sérgio Tannus e unha banda en que forman Quim Farinha, Isaac Palacín, Santi Cribeiro, Ana Isabel Días e José Manuel Díaz, presentará este sábado no Teatro Colón da Coruña o seu traballo dedicado aos poemas de Novoneyra. Uxía-o é o título da obra, en que Uxía adubía a escrita do autor de Os Eidos (1955) con ritmos reggae, de alalá, ragtime ou de muiñeira.    

"Quería que a visión sobre a poesía de Novoneyra fose o máis actual e universal posíbel", explica a intérprete, "colocando o acento na contemporaneidade e musicalidade da súa obra". Uxía-o inclúe, amais de novidosas adaptacións, unha versión de Cain as follas, con melodía de Emilio Cao, e a relectura do seu propio Alalás encadeados -orixinal do seu disco Meu canto (2011). Este sábado, ás oito do serán no Teatro Colón da Coruña, será a estrea en directo do proxecto.

Comentarios