Novo impulso ao Parque do Megalitismo

O edificio do Forum de Carballo acolleu esta segunda feira a xuntanza entre a Deputación da Coruña e os dez concellos da Costa da Morte que integran o Parque do Megalitismo.
Megalitismo2
photo_camera Imaxe da xuntanza co deputado Xosé Regueira, á dereita. (Foto: Nós Diario)

Carballo foi o lugar escollido para impulsar o proxecto do Parque do Megalitismo da Costa da Morte, parado por mor da pandemia da Covid-19. Na xuntanza, déronse cita o vicepresidente e deputado de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e unha decena de edís en representación dos concellos integrantes do parque. 

No evento aprobouse o relevo na presidencia, ostentada por Dumbría, e que pasa á Alcaldía de Laxe, ademais de acelerar as xestións para completar a compra de dolmens e menhires catalogados no territorio do parque. Como xa se acordou en anteriores xuntanzas, son os municipios os que teñen que facer a tramitación de compra ou expropiación dos bens patrimoniais, que serán adquiridos co financiamento da Deputación por medio de convenios.

En total, o proxecto conta este 2021 cun orzamento de 350.000 euros que se investirán, sobre todo, na adquisición de elementos do Megalitismo recollidos no proxecto, en total 14 dolmens e 2 menhires, algúns deles que pasaron xa a ser patrimonio público. 

Ademais da compra de patrimonio, o Comité de Dirección avanzou na necesidade de concretar un plan de sinalización de recursos ao mesmo tempo que se desenvolve o proceso de compra ou de expropiación de terreos, de divulgación e de realización de pequenas obras para favorecer a accesibilidade universal ao parque.

Na xuntanza participaron representantes dos concellos da Laracha, Cabana de Bergantiños, Carballo, Dumbría, Laxe, Malpica, Mazaricos, Ponteceso, Vimianzo e Zas, polos que se estende o Parque Arqueolóxico do Megalitismo. Composto por máis de 300 mámoas, dolmens e outras construcións funerarias, o parque é unha das mostras máis representativas da Idade de Pedra na Galiza.

Composición do parque

Son 14 xacementos os que integran o parque, Pedra Moura de Aldemunde, en Carballo; Casa dos Mouros, en Dumbría-Vimianzo, A Fornella dos Mouros, en Laxe; Pedra da Arca, en Malpica; Mina da Parxubeira, en Mazaricos; Pedra Moura, Pedra Cuberta, Casota de Berdoias, Arquiña de Vilaseco, Pedra de Lebre, Mina de Recesindes e Rabós, en Vimianzo; e Pedra Vixía e Arca da Piosa, en Zas. Ademais, o Dolmen de Dombate será un recurso chave no proxecto.

Comentarios