APóS A MORTE DE NEIRA VILAS

Un novo golpe á cultura galega: morre Xosé Chao Rego

Un día após o falecemento de Xosé Neira Vilas, temos que informar doutra triste noticia: a morte do teólogo Xosé Chao Rego (Vilalba, 1932), unha das principais figuras no ámbito do ensaio sobre temas antropolóxicos e teolóxicos.

[Imaxe: Xan Carballa] Xosé Chao Rego
photo_camera [Imaxe: Xan Carballa] Xosé Chao Rego

Xosé Chao Rego (Vilalba, 1932) morreu este sábado ás 9.30h, tan só un día após o falecemento de Xosé Neira Vilas. O teólogo e escritor entrou no seminario de Mondoñedo con dez anos. Posteriormente, licenciouse en Filosofía en Salamanca e Madrid. Tamén pasou por Roma, de onde voltou a Mondoñedo con 24 anos licenciado en Teoloxía.

Durante 17 anos, Chao Rego exerceu de párroco en Santa Mariña do Vilar, Ferrol, e en 1976 retirouse á casa natal de Vilalba para se dedicar ao estudo cultural e relixioso. Foi profesor de instituto en Vilalba e en Compostela.

Promotor da revista Irimia e de Encrucillada, Chao Rego recibiu o Premio de Ensaio da Crítica en 1983, foi finalista do Premio Nacional de Literatura polo seu ensaio Eu renazo galego e no ano 2002 dedicóuselle o Día das Letras Chairegas. Desde ese ano, é socio de honra da AELG.

Entre a súa prolífica obra destacan Prisciliano, profeta contra o poder; Para comprendermos Galicia; Eu renazo galego; Camiño verde: ecoloxismo e creación; A condición homosexual; ¿Por que nos sentimos culpables?; Na fronteira do misterio: credo para xente non crédula; O demo meridiano, lembranzas dun transgresor; Biblia Popular Galega, Prisciliano; O sexo, a muller e o crego ou Itinerario da conciencia galega.

O corpo de Chao Rego velarase ao longo deste sábado no tanatorio de Boisaca. O funeral terá lugar este domingo (sen hora confirmada) en Boisaca.

Comentarios