O novo estatuto de Agadic, insuficiente

O novo estatuto de Agadic levanta a inquietude e o descontento dos profesionais das artes escénicas galegas, que presentan desde diferentes asociacións sectoriais alegacións ao texto. Para alén de denunciar o desmantelamento dos Centros Dramático e Coreográfico, reclaman a creación dun novo marco lexislativo para estas institucións en diálogo co sector.
Divinas Palabras, produción de CDG
photo_camera Divinas Palabras, produción de CDG

Após a Asociación de Actores e Actrices da Galiza (AAAG) e a Academia Galega do Teatro (AGT) manifestaren o seu descontento co novo texto do estatuto de Agadic, o director deste organismo, Jacobo Sutil, convocou o colectivo da interpretación a unha xuntanza que se celebrou na sexta feira 13 de decembro.

A reunión tivo carácter informativo e serviu para aclarar dúbidas a respecto desta proposta que, segundo Sutil declarou no Parlamento, non implica “ningún cambio ou reforma das políticas ou programas da axencia”. Porén, a preocupación continúa ante a perda de autonomía do Centro Dramático Galego (CDG), que adquiriría unha nova figura de xestión.

A outra gran asociación sectorial, Escena Galega, formulou tamén alegacións ao texto, de cuxas modificacións foron informadas, “mais non eran consensuadas”, afirma a Nós Diario a presidenta, Belén Pichel.

Ademais, a AAAG e Escena Galega móstranse preocupadas por aspectos do texto que afectan outros campos da cultura. Pichel expresa a súa inquietude pola desaparición do Centro Coreográfico Galego (CCG) como unidade de produción, substituído por un departamento que une música e danza, restándolle importancia a ambas disciplinas. Se Músicas ao Vivo xa se sumou á protesta de AAAG e AGT, a Plataforma de Afectadas polo Centro Coreográfico Galego tamén expuxo a súa oposición, pois consideran que “ambas manifestacións culturais necesitan dun tratamento e unha dirección técnica específica”.

“A lexislación vai na dirección de lles restar a capacidade que teñen os centros para prestarlle servizo aos cidadáns”, di Xosé Barato

“O CDG e o CCG xa están nun momento de deterioro”, afirma Pichel. Do mesmo xeito, Xosé Barato, da directiva da AAAG, entende que “a lexislación vai na dirección de lles restar a capacidade que teñen para prestarlle servizo aos cidadáns”, algo que preocupa a súa asociación.

Solucións en diálogo co sector

Unha das alegacións presentadas pola AAAG tras a reunión con Sutil pide que se manteña o anterior estatuto de 2012 –opción oferecida polo propio director de Agadic–, mais como punto de partida para un novo texto que dea solucións aos problemas reais que presentan os diferentes organismos dependentes da institución pública. Neste senso, Pichel indica que a principal reclamación de Escena Galega é a constitución dunha “mesa de diálogo na que estea representado todo o sector”.

Esta reivindicación xorde, como explica Barato, de que “non se afrontan os problemas que  os centros teñen para o seu funcionamento”, polo que a nova proposta non vale para o longo prazo: “é tratar unha enfermidade grave con apósitos”. Pichel insiste na procura de solucións nun momento crítico. “Cómpre buscar un novo enfoque, pois tal como están agora non son operativos”, afirma. Barato observa tamén que as entidades son “deixadas morrer por inanición” e entende que fai falla máis “valentía por parte dos políticos” para tomar as medidas que eviten isto. 

Comentarios