O Novo Deseño Galego xa ten festival: #follow20

A Coruña acolle de 9 a 13 de novembro o mellor do tecido profesional galego en materia de deseño cun programa online e presencial. Trátase dunha "edición 0" que dará paso en xuño de 2021 á primeira Galicia Design Week.
#follow20
photo_camera Detalle do cartel de #follow20.

A segunda feira 9 de novembro arrinca na Coruña o festival de deseño galego #follow20, un novo proxecto que reúne o máis destacado do tecido profesional do país nesta materia. Decorrerá durante unha semana mediante eventos online e presenciais que buscan favorecer a conexión co exterior así como o achegamento ao gran público. Até a sexta feira, a web do festival ofrecerá unha completa programación artellada en catro seccións, cuxos contidos permanecerán dispoñíbeis unha vez remate.

Entre as persoas convidadas atópanse a directora de arte Lucía García Rey, a marca de moda infantil The Campamento, a ceramista Verónica Moar, a axencia de branding Costa, a axencia tipográfica NM Type, o deseñador gráfico de orixe italiana Marco Oggian e o seu colectivo Flaco, o deseñador de iluminación Arturo Álvarez, o estudio de arquitectura Castroferro, o estudio de deseño Dardo e a Fundación Didac.

As "Conversas", dedicadas á industria, á estratexia e á comunicación do deseño, contarán co deseñador de mobiliario Isaac Piñeiro, a deseñadora de servizos Coca Rivas, a arquitecta Patricia Muñiz, o infografista Artur Galocha, o tipógrafo Marcos Dopico ou a deseñadora gráfica Uqui Permui, entre outras. En "Stories", pola súa banda, recóllese unha serie documental sobre profesionais galegas do deseño.

O festival acollerá tamén unha quinta sección presencial (Showcase), cunha serie de eventos paralelos. O programa dixital compleméntase coa exposición física #novodeseñogalego na Praza de Lugo da Coruña, cunha carpa pola que pasarán diferentes deseñadoras para crear obras en vivo.

Aliás, esta edición bota a andar un ambicioso proxecto, que terá continuidade o próximo xuño coa primeira Galicia Design Week dentro de #follow21, unha semana dedicada ao deseño galego dentro do circuíto internacional que pasa por Barcelona, Londres, Nova York ou México.

Compromiso sostíbel

Ademais, #follow20 deféndese como "totalmente neutro en carbono": a organización calculará a súa pegada ao final da cita e para compensala fará achegas a proxectos galegos sostíbeis.

A carpa física aliméntase cun xerador solar; os carteis que xa se ven pola cidade están feitos de papel reciclado e os flyers dun papel fabricado con refugallos de algodón e sementes de tomate, que permite plantalos na primavera.

Comentarios