O Novo Cinema Galego adéntrase na ficción

As lindes entre ficción e documental son tenues. O cinema contemporáneo esfórzase, hai tempo, en escapar dese binarismo. E o Novo Cinema Galego, a xeración de cineastas que colocou Galiza no mapa de festivais e críticos de todo o mundo, é consciente do movemento de marcos estéticos. Non obstante, entre os numerosos proxectos en marcha, filmes que se verán o ano que vén ou en 2019, abunda o cinema dramatizado, con actores. A ficción.

sala de cinema
photo_camera A sala de cinema Numax, en Compostela.

"Ate agora, o cinema galego sobresaíu na non ficción. Mais nestes intres hai varias propostas de ficción que darán que falar", considera Alfonso Zarauza (Santiago de Compostela, 1971). El mesmo, canda Ángel Santos, foi un dos primeiros autores en, como expón, "intentar unha nova ficción, menos acartonada". Con Encallados (2013) e Os fenómenos (2014), obras narrativas e, sobre todo a segunda, de fasquía industrial, Zarauza chegou ás pantallas comerciais. Na actualidade ultima a rodaxe de Ons.

Na primavera, trasladará o equipo á illa atlántica, logo de adiar os traballos por problemas co financiamento estatal. Coescrita coa súa habitual colaboradora Jaione Camborda Coll, Ons relatará a chegada ao lugar dunha serie de personaxes que se mesturan cos poboadores. "É un filme de corte autoral, pero cunha atmosfera de misterio", di. Se Os fenómenos se detiña na devastación social producida pola crise, Ons distánciase do rexistro crítico. Ricardo de Berreiro, María Vázquez ou Melania Cruz son algúns dos intérpretes.


 
Oliver Laxe (París, 1982), talvez o cineasta galego de maior repercusión internacional, iniciou este verán o seu novo proxecto. Logo das aclamadas Todos vós sodes capitáns (2010) e Mimosas (2016), que obtiveron importante recoñecemento en Cannes, centra a súa ollada, sempre cun aquel poético e lateral aos usos dominantes, nos incendios forestais. Válese de actores non profesionais. Outra voz audíbel, a de Lois Patiño (Vigo, 1983), autor da premiada -e discutida nalgúns sectores- Costa da Morte (2013), colección de estampas documentais e encadres pictóricos, remata Tempo vertical. A fronteira entre o real e o ficcionado queda atrás.

"Máis ca unha trama narrativa, interésame a interacción entre as persoas, as conscuencias das súas accións. É un filme coral". Xacio Baño   (Xove, 1983) explica Trote, a fita que está a piques de concluír e que define como "de animais que xogan a ser humanos". María Vázquez é, se cadra, a máis protagonista das personaxes, que corren a cargo de, entre outras, Tamara Canosa, Celso Bugallo ou Melania Curz. Rodouse o pasado verán en localizacións de Negreira, Ames e Amil (Moraña). "Agora estamos coas últimas decisións de montaxe, que normalmente son as máis difíciles. Falta o son e, a partir do ano que vén, comezaremos a probar festivais", expón.

A orixe de Trote atópase na rapa das bestas de Amil. Unha familia rural sacudida pola morte da nai é o corazón do filme. "Quería ver as maneiras en que batemos co outro, ou como o acariñamos", sintetiza o autor. Cinema de personaxes, cinema de cámara, é a primeira incursión de Baño na longametraxe. "Hai unha xeración de cineastas", opina en relación ao denominado Novo Cinema Galego, "que xa amosou o seu talento nos documentais. Agora accede a outro espazo, a máis recursos, porque hai produtores que xa confían neles".

Alén de decisións estéticas, esa é tamén a chave para Alberte Pagán (O Carballiño, 1965). "Percevo umha 'industrializaçom' do novo cinema galego", responde vía correo electrónico, "com proxectos apoiados por produtoras independentes, cumha equipa de rodage, umha preproduçom e umha posproduçom ao estilo industrial. É algo novo e mui necessário: un cinema 'de autor', narrativo, 'de festivais".

Segundo Pagán, antes eran os cineastas os que se achegaban á industria e renunciaban ás súas apostas artísticas, de as haber. Agora acontece ao revés: "É a indústria, a produçom independente, quem se achega a estes cineastas respeitando as suas propostas artísticas. Um cámbio mui positivo". Non será o seu caso. Responsábel da obra máis radical do cinema, novo e non, galego, facturada totalmente á marxe, e apenas adscribíbel a máis categoría que á laxa de "experimental", o do Carballiño continúa polas zonas menos transitadas da imaxe.

O festival Cineuropa de Santiago de Compostela, o vindeiro novembro, dedicará unha sesión ás súas investigacións. Témenos trata a peregrinación do propio Pagán a Grecia para se achegar á singular obra cinematográfica de Gregory Markopoulos. En Noite de Rodos, explora "a materialidade do cinema dixital". As outras seis pezas que estreará -Nyangshwe, Pagán, Gongorin bombani hural, Al, La Tierra Santa e Berbera- encádranse na serie Superfícies. "Projecto images sobre diferentes superfícies e logo as refilmo", explica, "ás vezes image e superfície vam parellhas, noutras busco a contradiçom e a incongruência".

Entre as produtoras independentes referidas por Alberte Pagán, das máis activas é Beli Martínez. Baixo o seu amparo gravará nos vindeiros meses Eloy Enciso, o creador de Arraianos (2012), as súas "escenas de posguerra". Longa noite parte da Guerra Civil. "Pero podería ser calquera outro sitio", sinala Martínez sobre un filme puntuado con textos literarios. A ficción permite a deshistorización do relato. "Limpámola ao punto de que non hai unha identificación clara". Algo semellante acontece co outro proxecto en que traballa Martínez: Eles transportan a morte.

Obra de Helena Girón (Santiago de Compostela, 1988) e o canario Samuel Delgado, Eles transportan a morte especula co que sucedería se "a Santa María naufragase e tres mariñeiros sobrevivisen nunha illa". Bruxería e mitoloxía serán dous dos ingredientes cos que tratarán os cineastas. Que rodarán en galego. "Levamos o filme ao foro de coprodución do Festival de Donostia e sorprendeunos moito a pouca receptividade respecto da lingua galega", lamenta Beli Martínez.

A estación violenta, de Anxos Fazáns a partir da única novela de Manuel Jabois, Porto Desexado de Diana Toucedo, Os fillos da vide de Ana Domínguez ou Hamada de Eloy Domínguez Serén, son outros filmes practicamente rematados que, a dicir de Beli Martínez, marcarán os vindeiros tempos do cinema galego. E que ratifican a súa viraxe cara á ficción "pura e dura". "O que importa é dar impulso á necesidade de contar e gravar", conclúe Xacio Baño, "andar, facer o camiño, e non agardar a que veñan os anxos axudarche".

Comentarios