A novena edición do Carballo Interplay aposta polos contidos en 'podcast'

A cita, que terá lugar entre o 6 e 9 de abril, recupera o Campamento Kamikaze con profesionais do sector.
Encontro de produtoras na edición do Carballo Interplay 2021 (Foto: Leo López).
photo_camera Encontro de produtoras na edición do Carballo Interplay 2021 (Foto: Leo López).

Esta novena edición do Carballo Interplay, que terá lugar do 6 ao 9 de abril, dará protagonismo ao podcast e a creación de contidos dixitais. O énfase no sonoro do evento procura, segundo sinala a organización nun comunicado, "abrir espazos de diálogo e fomentar alianzas entre creadoras, creadores, produtoras e plataformas da Galiza e o Estado español co obxectivo de favorecer a creación de proxectos conxuntos".

O Interplay mantén a súa programación profesional cunha xornada dividida en dúas partes: desde as 10 h. até as 14 h. haberá presentacións e debates e pola tarde, ás 17 h., estabelecerase un encontro para profesionais. 

Profesionais de contidos sonoros

Abrirán as conversas da mañá Jesús Blanquiño, xefe de proxectos de Podium Podcast, Marta Salicrú, directora de Radio Primavera Sound, e Tania Fernández, da Radio Galega, falando do aumento de consumo de podcast.

Posteriormente, Ana Garriga e Carmen Urbita, produtoras de podcast, Manuel Bartual, director, escritor e guionista, e Carmen Pacheco, creadora e guionista, falarán sobre as posibilidades do podcast como nova forma de difusión e narración no panel 'Novas formas de contar. Da ficción sonora á divulgación'.

Ademais, o propio Manuel Bartual ofrecerá no marco desta edición do festival o obradoiro 'Escribamos ficción sonora', no que amosará o proceso de creación dos seus podcasts e analizará cos asistentes a esta formación como abordar e desenvolver en formato audio unha ficción cos medios que habitualmente a xente ten ao seu alcance. Despois falarán da industria dos festivais en torno á cultura popular e dixital persoas expertas como Edgar Riu e Maria Farràs

A última hora da mañá, haberá un encontro para falar sobre a importancia do traballo sonoro na arte e reflexionar sobre a relevancia do son e a imaxe nunha conversa con diferentes profesionais da palabra e da música. Finalmente, ás 17 h., comezará o Encontro PRO no que quen o desexe poderá presentar os seus proxectos ás produtoras de podcast asistentes. 

Por último, voltará o Interplay a experiencia audiovisual kamikaze no Raz Surf Camp os días 4, 5 e 6 de abril, en horario intensivo de 9h a 21h. As 24 persoas que participen terán o reto de idear, grabar e postproducir capítulos de serie Dinosauro con profesionais do sector audiovisual galego coma Xulio Abonjo, Marcos Nine, Laura Doval ou Irene Pin.

Comentarios