Novidades editoriais

Novembro, entre doses de intriga e voces femininas

Coa maioría da poboación galega a piques de ficar coa mobilidade restrinxida, os libros xorden neste novembro como unha das alternativas para viaxar a outros mundos e realidades, deixarse enchoupar por historias que atrapan ou entender mellor o mundo que nos rodea. 'Nós Diario' repasa algunhas das principais propostas  nas librarías deste último tramo do ano 2020.
Algúns dos títulos
que veñen de saír do prelo.
photo_camera Algúns dos títulos que veñen de saír do prelo [Nós Diario].
Novembro chega co retorno aos andeis das librarías dun dos nomes máis prolíficos da literatura actual. Manuel Rivas fai gala no seu Zona a Defender. A esperanza indócil (Xerais) da súa faceta máis xornalística para erguer a pluma nunha época que denomina Mayday, de perigo grave e inminente, e explorar desde a defensa dunha "república de iguais" até un "novo contrato da sociedade coa natureza".

Entre os últimos lanzamentos da editora nas librarías atoparemos outras dúas novelas de ficción que se artellan sobre a investigación dun asasinato: o dunha prostituta en Os incurábeis (Antonio Tizón), e a dun empresario por parte de dous policías en Granito (Álex Alonso), elaborado sobre un profuso traballo de investigación xornalística arredor do famoso crime de Nigrán e Premio Torrente Ballester 2019.

Pola súa banda, Galaxia vibra co debut da prosa absorbente de Rexina Vega no selo, O estado intermedio, unha procura da identidade propia e colectiva a través do relato dunha filla que, após a morte do pai, accede á casa familiar coa convicción de facer desaparecer toda memoria.

Outra autora completa a aposta máis forte da editora, co respaldo do Premio García Barros 2020 que levou María Rei Vilas por Flores de ferro. De destacado protagonismo feminino, respiramos ao carón de Camila, forzada a afondar nas raíces familiares nunha trama chea de intriga na que as vítimas silenciadas poden procurar, polo menos, pingas de xustiza.

De voz coral e feminina, outro dos pratos máis senlleiros pono Baía con Entre Donas, reunindo dez relatos doutras tantas escritoras galegas actuais: Marilar Aleixandre, Marica Campo, Inma López Silva... Unha diversidade de estilos e experiencias que coinciden na toma da palabra para colocar as mulleres no centro da historia, pois como lembra Ana Luisa Bouza no epílogo "a simple acción de escribir, de pasar  [...] de decorado a protagonista, cambia a literatura porque cambia o punto de vista".

Entre as propostas do mes atoparemos igualmente unha edición conmemorativa de Xa vai o Griffon no vento, polo XXXV aniversario desta obra de Alfredo Conde, un dos clásicos da literatura galega que recupera Aira Editorial.

De Pondal á eutanasia

Kalandraka ofrece a través da súa Factoría K Sobre a vida e a morte, contribución de Iona Heath, médica de familia con máis de tres décadas de carreira, á reflexión arredor de como enfrontarmos o final do ciclo da vida. Traducida por Neila García Salgado, o escritor John Berger asina o limiar e "Doce teses sobre a economía dos mortos", con fondos pensamentos filosóficos: "Os mortos habitan un momento intemporal de construción que recomeza continuamente".

Laiovento completa a edición de libros para pensar cunha interesante achega: A máquina ousada. Pondal e a literatura. Manuel Castelao Mexuto achégase á figura emblemática do Rexurdimento cunha certa vontade de redimir os prexuízos que chegaron a fundir na "tristísima imaxe dun autor machista, racista, louco ou... nefelibata".

Aliás, Xabier Pérez Dávila publica Socialismo en Europa 2020, unha proposta para repensar a necesidade actual dun  "proxecto civilizador que poña o ser humano por diante da produción de mercadorías".

Manuel Veiga saca novo traballo a medio camiño entre o ensaio e o relato, que se ergue sobre a dúbida arredor do fracaso das revolucións francesa e rusa: A parte queimada. Stalin & Robespierre.

Co sabor máis cru da realidade, Alvarellos rescata Aramados, un deses libros "perdidos" do exilio republicano galego nos campos de concentración franceses. Escrito no de Septfonds durante 1939, Manuel García Gerpe, natural de Ordes, relata en primeira persoa os seus nove meses como refuxiado.

A poesía non mata

E como é ben sabido, Ninguén morreu de ler poesía. Así titulan a súa instantánea máis recente Aldaolado, un dos dúos máis interesantes da lírica galega contemporánea. Desde a irreverencia, afirman: "Pégao na porta do frigorífico. Técelle un tapete de fío e pono derriba da tele".

Galaxia chega ao tramo final de 2020 cunha antoloxía poética de Fiz Vergara Vilariño feita por Yago Rodríguez Yáñez. Esta escolma dun referente esencial da nosa poesía, cun marcado carácter social que derivaría cara ao intimismo, tamén parte do revolucionario colectivo Cravo Fondo.

Chan da Pólvora enfronta novembro coa publicación trilingüe dunha antoloxía de Beatriz Chivite, Nas cidades, unha das poetas con maior proxección da lírica en euskera, con tradución de Isaac Xubín.

De contos e cartoné

Kalandraka trae unha nova entrega do autor italiano Gianni Rodari, Celsomino no país dos mentiráns. Ilustrado por Pablo Otero, o protagonista, acompañado dun gato, ousa enfrontar as leis inxustas dun reino onde mentir é obrigatorio por lei. No fondo da historia, escrita na década de 1960, atópase a era de Mussolini.

En O conto do outro día, Rodrigo Aliaga propón un exercicio metaliterario no que un pai narra ao seu fillo unha historia na que os imaxina a ambos como animais. Con Noemí Villamuza ilustrando as escenas familiares, a tradución de Manuela Rodríguez trae este conto do pracer compartido na literatura.

Doutra banda, para as máis cativas, Kalandraka trae tamén No ovo, onde Emma Squillari segue a doce criaturas que veñen de saír da casca. Cartoné ilustrado pola propia autora e traducido por Xosé Ballesteros.

Xerais engrosa tamén o seu catálogo con varias pezas para as coleccións infantís e xuvenís: A raíña galega, de Xosé Durán; Antía e Daren, de Valentín Albite; ou Superavoa, de David Rodríguez. Xunto a estes, dúas traducións da banda deseñada máis famosa de René Goscinny: Astérix e os normandos e O Menhir de Ouro. Porén, se cadra o máis destacábel é a nova obra da colección de Básicos Ciencia Infantil, Salvamos o planeta!.

Galaxia trae como estrela para as crianzas outro premio, desta volta O enigma do baúl pechado, de Xosé Antón Neira Cruz. Aliás, atoparemos outros títulos: desde Un fillo, de Alejandro Palomas, até a nova entrega de Berta Mir Detective, tradución de Jordi Sierra i Fabra, O caso do chantaxista roibo.

Rinoceronte presentará en novembro Anne, a de Tellas Verdes, tradución do clásico de Lucy Maud Montgomery. E acaba de saír do prelo, xa nos andeis, Coraxe: poemas audaces para rapazas afoutas, escolma dalgunhas das poetas máis potentes do panorama actual.

Narrativa internacional

Hugin e Munin deixa como propostas dúas narrartivas do século XIX: A escritora, de Madame de Genlis, relato de 1802 que disfraza a experiencia da autora no mundo das letras, traducido por Isabel Soto, e a novela curta de Wilkie Collins A dama de Glenwith Grange, elegante medodrama con doses de intriga vertido ao galego por Alejandro Tobar.

Noutra liña, Xosé Manuel Beiras trae ao galego, da man de Laiovento, Adolphe, de Benjamin Constant, texto relativamente curto e "inxustamente esquecido" da literatura francesa, nos albores da novela romántica.

Comentarios