mércores 15.07.2020
XAVIER QUEIPO

“As novelas pídenchas desde as editoriais mais ninguén che vai preguntar por un libro de contos”

55 (Xerais) recolle un número igual de relatos no que o escritor Xavier Queipo mostra o seu "músculo" literario. 

Xavier Queipo (Foto: Cé Tomé)
Xavier Queipo (Foto: Cé Tomé)

Con 55 (Xerais) o escritor Xavier Queipo baleira o seu arquivo e recupera textos narrativos breves das últimas dúas décadas que suma a outros tantos inéditos para construír un libro co número de pezas literarias igual aos anos que tiña cando o preparou. Cunha obra narrativa sólida, Queipo ofrécenos desta volta o seu “músculo” literario, o que se forxa en textos breves nos que, ao seu ver, o exercicio de síntese mostra a madurez creativa. Xavier Queipo é colaborador fixo do semanario Sermos Galiza, no que asina a sección "Prosa de Observatorio". 

-Cando o escritor, como explica no prólogo, fai o exercicio de recuperar obra dispersa de dúas décadas, con que se atopa?

En primeiro lugar, atópaste con que fuches depositando parte do teu traballo en lugares case invisíbeis. Hai relatos, poño por caso, incluídos en xornais ou mesmo nunha revista dun pub, en páxinas cunha compoñente efémera nalgúns casos ou de distribución limitada noutros. Acontece tamén coas antoloxías. Sempre enviei textos inéditos e os que se recollen no libro, ademais de textos de nova creación, quedaron aparcados e de difícil acceso para os lectores durante todo este tempo.

"Defendo que os marcos se podan mover. A leira na cabeza é unha metáfora simple do sectarismo, en especial no sentido de área de confort, onde un se sinte cómodo"

-Trátase tamén dun agasallo ao público lector fiel que vostede ten?

Algúns deles son completistas, como o biólogo e escritor Agustín Agra, que presentou o libro en Santiago. Ao xuntar e ordenar axuda tamén a identificar as características máis sobranceiras da traxectoria literaria. O libro está estruturado en varias seccións, e recolle desde unha visión do mundo e da diversidade cultural, até outra que se refire á “terra coñecida” que para min é Galiza e Bruxelas,ou a dos manuais de instrución, material novo que se pode incorporar a unha futura reedición do Manual de Instrucións que se publicou na colección “Ferros” no seu momento e está esgotado ademais doutras dúas seccións que completan o libro, unha con textos que apareceron en catálogos e traballos sobre personaxes que farán parte doutras obras. Dalgúns tiña só o título e algunhas liñas e agora decidín que ou se remataban ou se desbotaban. Por iso falo de “limpeza de verán”, porque é ese momento no que hai máis tempo e entras a ordenar, como facían as mulleres da casa da miña infancia.

-Un dos seus “manuais de instrucións” son as indicacións para non ter “unha leira na cabeza”, con respecto a unha expresión de Suso de Toro. Vostede mesmo recoñece o carácter polémico do texto.

É o problema que temos, a leira na cabeza. Cada un ten a súa e cada un na súa leira é o emperador. Cando comezas a magnificar diferencias por pequenas cousas perdes o obxectivo. Eu defendo que os marcos se podan mover. A leira na cabeza é unha metáfora simple do sectarismo, en especial no sentido de área de confort, onde un se sinte cómodo. Os artistas son xente que moitas veces escapa da zona de confort para poder crear cousas novas. Son instrucións dadas por un tipo que che está dicindo que non sigas unha norma. Recollen a tradición sudamericana de Cortázar máis tamén de Perec canda a retranca propia nosa. Este non é, polo tanto, un libro de contos senón de textos narrativos, algúns con certo grao de poesía.

-Por que decide reunir todos estes textos narrativos ao fío dos seus 55 anos?

Non é só recoller senón engadir textos novos e completar as distintas seccións, metade por metade, calculo. O obxectivo era ensinar o músculo, o que son quen de facer, no sentido de que son capaz de situarme en diversos rexistros, sumar textos científicos a outros máis sentimentais, de iniciación, uns máis telegráficos con outros barrocos... contos didácticos e de medo...

-Malia iso, contra a idea que pode dar esa explicación de recuperación de escritos dispersos, semella que para vostede estes textos narrativos non son obra menor. De feito, nos seus inicios literarios a presenza do relato e do texto breve é moi relevante, máis intensa que na súa traxectoria posterior.

As novelas pídenchas. Os propios editores interésanse por se tes algunha sen publicar. Ninguén che vai preguntar por un libro de contos. Por cuestións que non se entenden teñen menos saída. Esta situación non ten que ver coa nosa tradición, con exemplos como Fole, Dieste ou Cunqueiro, nin co modelo de vida actual para o que se adaptan máis os contos ou os textos narrativos breves. Semella que teñen menos prestixio no noso sistema literario. Contra o que aconteceu en Arxentina ou Francia, a tendencia aquí foi escribir bloques de formigón coa idea de ter un sistema literario normalizado. Deses tixolos hai algúns bos mais outros ben poderían ser utilizados como barricadas.

"A poesía e o texto curto son exercicios de síntese que se conseguen cando tes dominio da linguaxe e do equilibrio, onde podes eliminar o superfluo e traballar con economía de medios".

-Defende as capacidades literarias do xénero?

A poesía e o texto curto son exercicios de síntese que se conseguen cando tes dominio da linguaxe e do equilibrio, onde podes eliminar o superfluo e traballar con economía de medios. Non é unha literatura de segunda. O exorcicio de síntese é de madurez.

-En 55 atópanse os seus grandes temas, a querenza polo estudo científico, a experimentación constante, a súa semántica traballada... podemos mesmo identificar aspectos de obras anteriores Diario dun nómade, Ártico, Manual de instrucións...

Porque xa teño o meu estilo e hai unha especie de cosmogonía propia no sentido de mitoloxía, catálogo de querenzas, de medos, de dúbidas... é como unha radiografía e, claro, de repente aparecen cousas que están xa noutro libro.

-Antes referíase á diversidade, non colide con esa unidade de estilo?

Cando o músico comeza a tocar sábese que a música é de António Carlos Jobim mais non se é samba ou jazz, poño por caso. Distínguese o autor porque ten un estilo que se foi configurando nos anos. Esta limpeza serve tamén para dicir que non vas facer sempre o mesmo, que non vas caer no erro de tantos colegas de, se vai ben, seguir sempre pola mesma liña.

-55 relatos cando ía facer 55 anos, é anécdota ou significa algo máis esa referencia biográfica?

55 é un número especular. Por unha banda están os cinco sentidos nosos e tamén o que chamo os cinco puntos cardinais do escritor: observar, ler, escoitar, soñar e lembrar.  

(A entrevista con Xavier Queipo foi publicada no número 113 do semanario Sermos Galiza)

“As novelas pídenchas desde as editoriais mais ninguén che vai preguntar por un libro...
comentarios