As novelas que continúan na rede

O escritor Antonio Piñeiro publica cada día un artigo arredor da Compostela universitaria, cerne da súa novela A identidade fascinada. Como antes fixera Inma López Silva ou Charo Pita, o blog da editorial Galaxia ábrese para a publicación de textos que engaden contidos e serven de promoción ás novelas. 

Piñeiro

Cada día, o escritor Antonio Piñeiro publica un artigo arredor da Compostela universitaria dos anos oitenta, o escenario e centro da súa novela A identidade fascinada (Galaxia), a crónica novelada da súa época de estudante nun tempo e unha cidade, para el, inesquecíbeis. 

“O aroma do Metate, o bulir na libraría Follas Novas, a luz azul e vidro do Duplex, a herba do campus, a luz canela do Modus Vivendi, a aula das “papeletas”, ao final de curso”, escribe no blog de Galaxia, no que cada día aparecen os seus escritos.  Desas evocacións constrúese a memoria de Antonio Piñeiro que recrea agora, a través dun artigo diario publicado na web da editorial Galaxia, a Compostela dos anos 80 que el viviu no seu tempo universitario, cando a cidade bulía de noite e de día no tempo de eclosión do número de estudantes na daquela única Universidade galega. 

López Silva e Charo Pita

En artigos diarios, o escritor completa agora a novela-crónica recén publicada, achegándose a espazos, episodios e sons que traen ao presente un tempo que aínda non ten reflexo acaído no mundo literario. Piñeiro fala daquela cidade que duplicaba a poboación no período lectivo e no que a administración comezaba a ter maior forza no panorama humano de Compostela. A poboación universitaria pasou de trinta mil a sesenta mil mozas e mozos que chegaban co comezo de curso e mudaban a estampa dunha cidade por obriga xuvenil e viva. Tempos tamén de mobilizacións, de ilusión, de vontade de mudar as vidas e a historia e de vivir en liberdade episodios que ían pasar á memoria da vida enteira. 

“Lembro unha tarde na que, baixando cara á Facultade, pensei: borraráseme algunha vez todo isto da memoria?, quedarán realmente estes momentos reducidos a unha idea?”, escribe Piñeiro no artigo publicado este día 25, dunha sensación que percorre a súa novela e, agora, tamén o seu diario. Como aconteceu con Inma López Silva e a súa novela Maternosofía ou con Charo Pita e o libro-CD Estamos no verán do que é coautora canda Xoán Curiel, Piñeiro inicia a publicación de artigos arredor da novela, para ampliar contidos, entrar en contacto directo co público lector e, tamén, contribuír a súa promoción. 

Comentarios