MANUEL ESTEBAN, PREMIO XERAIS DE NOVELA

"A novela xorde como un berro a raíz dunha inxustiza, a da discapacidade intelectual"

Manuel Esteban Domínguez (Vigo, 1971) é médico especialista en Medicina Familiar e Comunitaria e profesor da rama sanitaria do CIFP Manuel Antonio. O pasado sábado foi galardoado co Premio Xerais de Novela pola súa primeira obra A ira dos mansos, unha novela que escribiu con fin terapéutico após a súa experiencia como pai dun fillo discapacitado intelectual. Conversamos con el, cando aínda admite estar “abrumado”.

Manuel_Esteban 2
photo_camera [Imaxe: Xerais] Manuel Esteban, co premio

Non podiamos comezar a entrevista doutro xeito, Manuel. Como recibe un a noticia de que foi recoñecido co Premio Xerais?

Pois… a verdade é que resulta un impacto, un shock… Unha sorpresa. De feito, aínda non cheguei á fase de alegrarme, aínda estou na fase de sorpresa, sobre todo porque non escribín a novela como un fin en si mesmo -imaxino que un escritor ao uso aborda a escrita con esa perspectiva-, senón que, no meu caso, escribín a obra como un medio. Tamén é certo que cando un presenta unha novela a un premio faino pensando na posibilidade moi remota de recoñecemento pero iso non o contemplaba… pois eu non teño táboas como escritor, non creo que a novela brille nin que a súa virtude sexa unha prosa literaria fantástica. A obra sae das tripas, dunha necesidade concreta, a raíz do nacemento do meu fillo maior. Ten unha finalidade terapéutica e non literaria. Por iso, a sorpresa, se cabe, é dupla.

"Hai unha tendencia ao paternalismo e, no mellor dos casos, ao ninguneo das persoas con discapacidade intelectual"

Que o levou a escribir?

A min levoume a escribir a necesidade de expresar certo sentimento de inxustiza. Era unha especie de berro gritado entre nós, da miña xente, a raíz dunha inxustiza, a da discapacidade intelectual. Un cae do cabalo a través do que lle vai pasando na vida, e eu cheguei á discapacidade intelectual co nacemento do meu fillo. Entón, comprendín a situación que sofre ese colectivo, un exilio amábel, pero un exilio ao fin e ao cabo. Hai unha tendencia ao paternalismo e, no mellor dos casos, ao ninguneo deste tipo de persoas. E iso, cando o vives co teu fillo cando nace, é moi duro. Quería, en definitiva, facer de altofalante de quen ten dificultades para facer valer a súa voz.

Como definiría a obra?

Amais de médico, son docente. Non quería resultar demasiado ofensivo ou sesudo e tiña certo afán didáctico. Quería presentala nunha armazón atractiva e interesante. Son lector compulsivo e gosto moito da novela negra. Pensaba que podería ser interesante a vía de abordaxe a través da narrativa e, en concreto, da novela negra. Pareceume bo xénero para irmos á fronteira da moralidade da sociedade. Contar unha historia cotiá para resaltar aspectos da hipocrisía a respeito dun colectivo era difícil. Con todo, na novela negra, onde os matices contan e onde o bo ten que facer cousas malas, nesa sopa moral máis ambigua e gris, pareceume máis fácil contar o que eu quería contar, que non deixa de ser a miña visión, sobre unha situación asimétrica.

"O tratamento aos colectivos con discapacidade intelectual posúe connotacións moi negativas"

Foi durante oito anos vicepresidente de Downvigo. Tamén na obra premiada pon en valor as persoas que traballan neste ámbito.

É unha trincheira moi complicada porque a sociedade, no mellor dos casos, mira cara a outro lado. O tratamento aos colectivos con discapacidade intelectual posúe connotacións moi negativas, pero por non deixar un pouso amargo nas miñas reflexións, tamén hei de dicir que en 12 anos, a idade que ten o meu fillo maior, as cousas cambiaron aos poucos. Hai certo movemento e percepción de que non todo é como se pintaba hai 20 anos. A persoa con discapacidade ten recursos para construírse como persoa e para disfrutar do mundo, e ese é o obxectivo do ser humano: socializar e facernos nós mesmos como persoas. Vanse dando pequenos pasos que hai dez anos eran impensábeis. Agora, na asociación, temos entre 30 e 40 usuarios con contrato de traballo, a metade deles con indefinido.

O xurado puxo énfase no enfoque social desta novela negra. Di que supón “unha viaxe de superación de moitos prexuízos”. A que se refire?

Arrinca cun inspector de policía cunha personalidade cínica, que vén de volta de todo. É un home mordaz, con certa retranca, unha ferramenta de sanación fundamental que non podía deixar atrás. Este personaxe arrinca cargado de prexuízos, os habituais que se atopan na rúa, e dentro da historia o protagonista fai unha viaxe interior da man da directora da asociación de discapacidade intelectual. A medida que vai coñecendo, nesa toma de contacto, vai desfacéndose de prexuízos e finaliza sendo case o contrario, o valedor das persoas con discapacidade intelectual. Esa viaxe interior representa o que me gustaría, que a sociedade se transformara.

"Igual que para min foi bo e saudábel o exercicio de escribir, tamén o vai ser a lectura por parte do colectivo que rodea deste mundo"

Que resposta agarda do lector e da lectora ao ler a súa obra?

Non o sei. Eu sei que vai haber un colectivo, porque me consta, ao que lle vai resultar reconfortante. Creo que igual que para min foi bo e saudábel o exercicio de escribir iso tamén o vai ser a lectura por parte do colectivo que rodea deste mundo, porque comprenden de que se vai falar. Pretende ser unha pílula engarzada nun boliño doce. Se esta e a maneira de chegar á xente, perfecto.

E agora que, pensa continuar escribindo?

Eu que sei… Isto foi algo conxuntural, cunha razón moi concreta da vida. Os que a leron me din que está moi ben, que é moi intensa, concentrada, que se le dun tirón… Danme a entender  “escribe máis”, pero un é persoa e ten humanidade e non sei que farei. O que é certo é que me dá medo tanta expectación arredor, como nunca escribín…

Comentarios