xoves 02/12/21
É a súa quinta obra traducida

A novela social e autobiográfica de H. G. Wells, en galego

Arthur Kipps é o trasunto que o inglés Herbert George Wells (1866-1946) escolleu para dar conta dos ecos da súa vida nunha novela. Kipps. Historia dunha alma simple (1905) afástase dos seus traballos como pioneiro da ficción científica e ofrece unha obra de iniciación en que o sistema de clases británico non sae indemne. A editorial Irmás Cartoné vén de publicala en galego.
 

H. G. Wells
O escritor inglés Herbert George Wells.

Celia Recarey Rendo é a responsábel da versión galega de Kipps, que, segundo a nota editorial, "conta cun peculiar sentido do humor e trata temas máis sociais" dos habituais en H. G. Wells. Porque Wells, socialista fabiano e despois simpatizante da Revolución Rusa, era xa un autor popular. Cunha visión positivista da ciencia achegada á de Jules Verne, pero un paso máis alá, avanzaba preocupacións e fracturas dunha sociedade incipientemente industrializada.

A máquina do tempo (1895) adentrábase no que, andando o século XX, se convertería nun tópico da literatura e o cinema de fantasía: a posibilidade de viaxar na historia. Toxosoutos puxo a disposición do lectorado en 2002 unha tradución galega a cargo de Raúl Araya Tauler.

O, talvez, título máis célebre de Wells, A guerra dos mundos (1898) tamén se publicou en galego, da man de Xerais en 1998. Gonzalo Constenla e Esther Sánchez Rodríguez fixeron a versión do relato dunha invasión extraterrestre de Estados Unidos. Nela baseou o cineasta Orson Welles unha igualmente famosa emisión de radio que desatou o pánico cidadán.

A sorte de H. G. Wells en galego é ampla. O home invisíbel (1897), cuxas adaptacións ao cinema axudaron a facer da súa anécdota central -o protagonista consegue que un corpo humano deixe de absorber e reflectir a luz- motivo usual na ficción científica, tamén chegou ás librarías grazas a Edicións Xerais. Foi en 1991 e con tradución de Francisco Bedoya.

A illa do Doutor Moreau apareceu en 2003. Onofre Sabaté pasouna ao galego e Edicións Positivas encargouse de colocala no mercado. A novela emprega a figura do náufrago como escusa para tomar partido en certos debates científicos da época en Gran Bretaña, relacionados co darwinismo e o trato aos animais. John Frankenheimer dirixiu, en 1996, a última das sete versións cinematográficas da obra. O personaxe principal encarnouno Marlon Brando

Nota: contra o que figuraba nunha primeira versión deste artigo, o nome da tradutora de Kipps. Historia dunha alma simple é Celia Recarey Rendo.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

A novela social e autobiográfica de H. G. Wells, en galego
comentarios