Novela negra e distopías dominan entre a literatura traducida para 2019

O campo da tradución aboarase este 2019 con novela negra, distopías e clásicos da literatura para todas as idades. Inglés será a lingua máis anosada, pero irromperá un selo para pasar literatura finesa ao galego. As editoras especializadas tirarán do carro, mentres a aposta das xeralistas permanecerá discreta.
 

libros

Hugin e Munin adoita “xogar co elemento sorpresa” na súa programación anual. Que, para este 2019, conformarán 11 títulos. Entre as principais novidades, con todo, salienta a versión de O longo adeus, clásico noir de Raymond Chandler, a cargo de Diego Ameixeiras, o máis agudo escritor de polícíacos en Galiza. A alemá Ricarda Huch ou os ingleses Wilkie Collins e George Eliot tamén integrarán o seu catálogo.

No apartado de linguas non hexemónicas, a editorial anuncia que vén de chegar a un acordo “para traer unha obra premiada en tradución directa dende o aranés, escrita por unha muller”.

Irmás Cartoné afronta este 2019 con gañas de que sexa "especial" ao facer cinco anos de vida. O conta da criada, de Margaret Atwood vai ser a súa primeira obra a publicar neste ano, un clásico distópico que volveu a primeira plana da man da recente serie televisiva baseada no libro escritora canadiana. O inferno, de Henri Barbusse é outra das apostas da editorial para esta ano., "unha novela esquecida mais que entendemos que é acaída para estes tempos".

Marti Eden, de Jack London vai ser outra das traducións a publicar por Cartoné neste 2019, un clásico para todas as idades. "Sempre estivo nun rincón do noso corazón", recoñecen desde a editorial. 

Na outra casa tradutora, Rinoceronte, repite a inglesa Caitlin Moran, cuxo Como ser muller xa fora publicado en tradución de Moisés Barcia. Este ano sairá Como se fai unha rapaza, de novo con fondo biográfico, descarnada e impregnada polo feminismo de clase obreira da autora. O seu outro gran título será o debut en galego do francés Pierre Lemaitre, autor de tenebrosas novelas negras. Neste caso, Tres días e unha vida.

Instrucións para facerse fascista, da italiana Michela Murgia, orixinal de hai uns meses e que vai pola quinta edición no seu país, emprega “a provocación, o paradoxo e a ironía para chamar por unha reacción fronte ás reliquias do pasado”. Na colección Vétera, dedicada por Rinoceronte a obras anteriores ao século XIX, aparecerá O mundo resplandecente, de Margaret Cavendish e da man de Fe González. “É a primeira utopía escrita en inglés por unha muller”, sinala a editorial.

Dende Finlandia con amor, de Roman Schatz, e O día do gato equivocado, de Pasi Ilmari Jääskeläinen, inaugurarán Esplandi, unha marca de Rinoceronte dedicada a libros fineses e que contará co labor tradutor de Tomás González Ahola e Tuula Ahola.

Nas xeralistas


Será Kalandraka, de entre as editoras xeralistas, a que centre máis esforzos na tradución literaria. O clásico de Philip K. Dick que lle serviu a Ridley Scott de alicerce do mítico filme Blade Runner, Soñan os androides con ovellas eléctricas?, saíra en galego con tradución de Fernando Moreiras. Antía Veres Gesto encargarase do propio co Planeta dos simios, de Pierre Boulle. E Isaac Xubín, con 25 relatos de Amalia Lú Posso Figueroa agrupados como As miñas nanas negras e ambientados no seu lugar natal, o Chocó colombiano.

Edicións Xerais só inclúe unha tradución entre as principais novidades inmediatas. Pero trátase dun tótem da literatura do século XX: Se isto é un home, de Primo Levi, en versión de Xosé Manuel Garrido.

Comentarios