As personaxes reais da novela negra, diseccionadas en Verín

O Auditorio de Verín acollerá durante os días 24 e 25 de xaneiro a terceira edición das xornadas de Novela Negra, dedicadas ás personaxes reais que inspiran o xénero literario.
Presentación III Ciclo de Novela Negra de Verín
photo_camera Presentación III Ciclo de Novela Negra de Verín

O Auditorio de Verín acollerá durante os días 24 e 25 de xaneiro a terceira edición das xornadas de Novela Negra, este ano dedicada ás personaxes reais que se agochan neste xénero literario. Así o confirmaron na mañá da cuarta feira 18 de decembro a concelleira de Cultura, Emilia Somoza, e os organizadores do evento, Vicente Rodríguez Xusto, director da Biblioteca Municipal e Miguel Losada, secretario da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA).cartel-web

Artelladas conxuntamente pola Biblioteca do Concello e a SAGA, as xornadas reunirán escritoras e profesionais que falarán en profundidade sobre moitas das claves do xénero. “Pretendemos que sexa un percorrido polas tripas mesmas dunha realidade que transcende o literario e camiña na escuridade da psique humana”, afirmou Losada. “Detrás desta literatura podemos atopar as luces da creatividade chovendo sobre as teclas, mais tamén as sombras da que bebe tantas veces a narrativa humana", engadiu.

A Novela Negra, vizosa rama do panorama editorial, é un fetiche social que protexe e esconxura contra ese atavismo que son as formas da violencia. Escribila é todo un rito, unha catarse sen volta atrás, porque o imaxinado, neste caso, non resulta ser inventado, senón máis ben froito dunha recreación.

Así o abordará, por exemplo, Enrique León Calviño, ex comisario de Vilagarcía, figura á que deu vida na serie Fariña de Antena 3 o actor Tristán de Ulloa, nunha sesión titulada “Do contrabando de tabaco ao tráfico de drogas na Galiza”.

Fernando Serrulla Rech, médico e antropólogo forense da Unidade de Antropoloxía Forense do Instituto de Medicina Legal de Galicia, fará o propio na sesión “O corpo do delito”. Participarán tamén os escritores José Antonio Vázquez Taín (que tamén exerce como xuíz) e Pedro Feixoo. O evento porá o peche cunha mesa redonda.

Comentarios