Novedades Carminha: mellor álbum pop, mellor artista e mellor directo

A banda compostelá imponse en tres das principais categorías dos Premios da Música Independente. Os Amigos dos Músicos, mellor álbum en galego con Segundo Fogar.

novedades_carminha
photo_camera Novedades Carminha foi o gran triunfador da edición dos MIN deste ano (Novedades Carminha)

A banda compostelá Novedades Carminha fíxose cos premios a mellor álbum pop por Ultraligero, mellor artista e mellor directo nos Premios da Música Independente (MIN) 2020, que recoñecen os mellores artistas da música independente a nivel estatal e que foron entregados na sexta feira, 16 de outubro.

"É un premio súper bonito porque 'pop' vén de popular e nesta época en que que nos teñen co ego subido e a autoestima baixa, competindo por likes e por views, nós fixemos un disco para podelo bailar cos colegas abrazados. É moi especial e estamos moi agradecidos porque non é só o premio ao disco senón a unha forma de entender a música", explicou Carlangas, vocalista do cuarteto, nun dos discursos de agradecemento.

Un Carlangas que, tras unha emotiva gala con mensaxes de ánimo a diferentes sectores da música, participou dunha sorpresa final, unha actuación de Kiko Veneno cantando a súa mítica canción Volando Voy onde tamén participaron Rodrigo Cuevas e Anni B. Sweet.

'Segundo fogar'

Ademais, a banda Os Amigos dos Músicos recibiu o premio a mellor álbum en galego. A gala, retransmitida en Movistar e presentada pola cantante e actriz Leonor Watling e o locutor Arturo Paniagua, recoñeceu a calidade artística de Segundo fogar, o último traballo da banda.

O disco recolle dez cancións, todas composicións propias excepto unha adaptación dun poema de Uxío Novoneyra. Contan ademais coas colaboracións de Xabier Díaz e Fernando Barroso. Segundo fogar xa foi recoñecido como mellor disco galego de 2019 pola revista especializada Mondosonoro e o videoclip da canción As Crónicas, dirixido por Rubén Domínguez, tamén foi distinguido no Festival de Cans

Comentarios