Novedades Carminha lanza un videoclip porno protagonizado por Amarna Miller

O trío de garage-rock compostelán vén de mover os marcos do politicamente correcto ao lanzar un videoclip porno cun tema tirado do seu último disco, ‘Campeones del mundo’.

novedadescarminha
photo_camera Novedades Carminha [Foto: Flora Navarro]

 O clip ‘Ritmo en la sangre’, que inclúe escenas explícitas de sexo heterosexual, está protagonizado por unha estrela do cinema X ‘indie’ español, Amarna Miller (Madrid, 1990), que avoga por un porno que lle dea protagonismo á muller e aos seus desexos. Amarna non é unha estrela porno ao uso: é licenciada en Belas Artes, apoia a Podemos, admira a Mújica e ademais de actriz é directora, produtora e empresaria. E declárase abertamente bisexual.

O vídeo xa acadou en pouco máis dun día máis de 50.000 visitas en Vimeo (en Youtube non se acepta ese tipo de contido). Trátase do segundo single de ‘Campeones del mundo’, o cuarto disco do trío formado por Xavi G. Pereiro (batería e voz), Carlos Pereiro -Carlangas- (guitarra e voz principal) e Adrián D. Bóveda -Jarri- (baixo e voz).

‘Campeones del mundo’ supuxo unha nova viraxe na carreira dos composteláns (cuxo nome provén dunha tenda de lencería santiaguesa), xa consolidados no panorama estatal desde o éxito do seu terceiro disco, ‘Juventud infinita’ (Ernie Records, 2014). Neste novo proxecto foron cara un son máis cru co que queren conquistar as pistas de baile. Para iso recorreron a Hevi (Malandrómeda, Fluzo) como produtor, personaxe fundamental no mundo das músicas urbanas en Galiza.

E agora, Novedades Carminha, logo de abanear as morais máis febles e de percorrer canto festival hai pola Península, bótase de novo á estrada cara a unha xira de outono por salas que os levará por Zaragoza, Compostela, Barcelona, Madrid e máis.

Comentarios