A nova Sargadelos usa Rosa Díez como modelo publicitario

Dous chíos, un en castelán e outro en galego, na conta oficial de Twitter da histórica empresa Sargadelos amosan a mudanza de sensibilidade na dirección da compañía. Neles, a ex líder de UPyD Rosa Díez posa en Castro Urdiales (Cantabria) co “icónico Bolso Voluta de Sargadelos”. A resposta nas redes a este uso de Díez por parte dunha marca con tanta bagaxe cultural, galeguista, abala entre o abraio e a indignación.
 

sargadelosupyd
photo_camera Captura da conta de Twitter de Sargadelos en que usa Rosa Díez como publicidade.

Rosa Díez caracterízase polo seu recalcitrante españolismo e o seu desprezo por toda identidade que non sexa a española. Nos últimos anos mesmo atacou en diferentes ocasións ás galegas e os galegos polo mero feito de selo. Os seus posicionamentos políticos, cadora máis reaccionarios, contrastan coa traxectoria de Sargadelos, polo menos ate que o seu refundador Isaac Díaz Pardo foi apartado en 2008.

A moderna Sargadelos configurouse nos debates e nos acordos de Díaz Pardo e o pintor e intelectual exiliado Luís Seoane. Coa Bauhaus alemá como modelo, a empresa foi moito máis ca unha fábrica de cerámica. O Laboratorio de Formas a ela asociado forneceuna de deseños inspirados na historia do territorio galego. Ediciós do Castro acolleu un dos máis importantes, e pioneiros, catálogos de libros de exiliados. Cunha rede de galerías libraría espalladas por Galiza, o Estado e máis alá, serviu de refuxio a disidentes e opositores ao franquismo.

Despois dun agre conflito de accionistas, a nova dirección optou por liquidar toda herdanza cultural da marca. Díaz Pardo e os seus fillos quedaron á marxe das decisións dunha compañía que, como amosa ao escoller de modelo publicitario a Rosa Díez, parece esquecer unha parte fundamental da súa traxectoria.

Comentarios