A Covid-19 deixa fóra as compañías non peninsulares

A 'nova normalidade' do festival de títeres de Redondela

Até o día 6 de setembro, Redondela énchese de monicreques, música e público de todas as idades que, desta volta, acode enmascarado e respectando o protocolo sanitario. Cinema Sticado, Valeria Guglietti ou Tanxarina son algunhas das compañías que actúan até o domingo.

GALICIA.-Más de 25 actividades pondrán el broche este domingo la XIX edición del Festival de Títeres de Redondela

GALICIA.-Más de 25 actividades pondrán el broche este domingo la XIX edición del Festival de Títeres de Redondela

  (Foto de ARCHIVO)

19/5/2018
photo_camera Imaxe do festival na súa edición de 2018. / Europa Press

Logo de meses de traballo, na pasada segunda feira, botou a andar o Festival Internacional de Títeres de Redondela, que inaugurou a compañía galega Eme2 coa peza Contacreques. Esta edición vese afectada, como non podía ser doutra maneira, pola Covid-19 e os protocolos sanitarios aplicados de cara a “garantir a seguridade tanto das compañías como do voluntariado e do público”, como afirma Luís Crespo, director do evento.

"Habilitamos patios de butacas ad hoc, é dicir, a medida que vendemos as entradas fómolas agrupando por unidades familiares", asegura Crespo, "para que cando chegue o momento haxa distancia, á parte do control de temperatura, do xel hidroalcólico e asegurámonos de que as carpas estean totalmente aireadas". Nese sentido o director recalca que se viron na obriga de "fechar as zonas onde se acumulaba o público nas periferias dos escenarios". Para garantir a seguridade Crespo destaca que tiveron"dúas semanas de prevenda porque este ano era importante que o público estudase o programa e mercase as entradas con tempo".

Crespo destaca a importancia deste encontro e asegura que "as compañías están ilusionadas con poder traballar e poder vir a Redondela porque é un festival referente". Para o director, "o pobo de Redondela tamén agarda polos títeres, porque se trata dunha cita necesaria para o público, tanto a nivel afectivo como a nivel intelectual ou mesmo de motor económico".

Monicreques e música

Mama Cabra, Pakolas, Paco Nogueiras e Uxía Lambona e a Banda Molona son algunhas das propostas musicais que, nesta ocasión, complementan a oferta titiriteira. Un programa que se iniciou en sala o día 1 e que se combina desde agora coas propostas escénicas na rúa.

Ay, pena, penita, pena, da compañía madrileña Cazando Gamusinos é a peza que se representa ás 20 horas de hoxe no Auditorio da Xunqueira, lugar que ocuparán na sexta feira a galega Cinema Sticado con Pica e a arxentina Valeria Guglietti, na sexta, coa peza Sombra de cine, nos dous casos ás 21 horas. A clausura do festival en sala vai da man de Tanxarina e A galiña azul, que se representa ás 20 horas do domingo día 6.

A programación de rúa arranca agora no Salgueiral e, aínda que se desenvolverá por toda a localidade, pasará durante as seguintes tres xornadas por lugares coma a ribeira, o palco da música ou a Casa da Torre.

Titiricircus e Caperucita roja son as pezas desta xornada de apertura e seguiranas, nos vindeiros días, as compañías galegas Trécola, Mircromonia e Cascanueces. Xunto a elas estarán Le Guignol Orthopédique, desde Madrid, e Mutis Teatro desde Castela e León. Todas elas representarán as súas pezas nas 3 xornadas, con variación de horas e escenarios.

Ademais da música e do teatro, esta edición conta coa arte urbana do que se chamou "Museo Carallás" e coa sección "Redondela é un escaparate", que acolle a mostra Os monicreques de Kukas como homenaxe a esta compañía de titiriteiros que conta con 40 anos de traballo ás súas costas. Así, diversos escaparates da vila amosarán cartaces, monicreques ou elementos escenográficos que forman parte da histórica empresa compostelá.

Ausencias de fóra da Península

A situación sanitaria foi a causante de que este ano o festival conte cunha menor presenza internacional. "Tivemos que renunciar porque nos daba moito medo o tema dos avións", comenta Luís Crespo, "así que falamos coas compañías para comunicarlles que se tiñan que voar non era este o seu ano".

Dentro das medidas sanitarias da organización do festival está a petición ás compañías participantes de que viaxen por estrada e “coa unidade familiar”, que é a consideración que teñen as empresas do espectáculo,“de viaxe na mesma furgoneta e coidando de ter o mínimo contacto fóra desa unidade, o que chamamos encapsulamento”. A pesar de que, como puntualiza o director "a maioría das compañías xa traen o seu propio protocolo".

A compañía Tanxarina participa coas pezas 'Titiricircus' e mais 'A galiña azul'

Ás 18 horas desta xornada, o Salgueiral redondelá acolle a representación de Titiricircus, unha lembranza festiva do grande circo de carpa alta e bicolor: a historia de dous vellos traballadores daquel circo que lembran con marionetas de fíos as glorias do seu pasado na pista. Un xogo participativo onde aparecen os números máis importantes do vello circo. “Lourenzo ten unha galiña azul con cinco plumas vermellas na á dereita” reza a sinopse da obra máis recente desta histórica empresa teatreira, A galiña azul, inspirada en 4 contos do autor Carlos Casares. Un espectáculo que se representa o domingo e que fala da diversidade e da solidariedade e no que, unha vez máis, Tanxarina emprega diversas técnicas de manipulación de bonecos e do traballo actoral.

Comentarios