PATRIMONIO

Nova intervención arqueolóxica no Castelo da Lúa, en Rianxo

Desde hai uns días estase efectuando unha nova intervención sobre os restos da fortaleza medieval cos obxectivos fundamentais de mellorar a lectura das estruturas e consolidar aquelas que teñan risco de derrubamento.

1024px-Castelo-da-Lúa-ruínas (1)
photo_camera [Imaxe: Wikipedia] Restos arqueolóxicos no Castelo da Lúa

A fortaleza medieval coñecida popularmente como Castelo da Lúa localízase no concello de Rianxo, emprazada nun promontorio rochoso do litoral da ría de Arousa coñecido como Punta do Pazo.

As obras de construción do paseo marítimo de Rianxo deixaron ao descuberto en 1999 os restos arquitectónicos correspondentes a unha fortaleza edificada no século XIII por Paio Gómez Chariño. A edificación foi atacada polos Irmandiños en 1465 aproximadamente, e reedificada ao pouco tempo por Suero Gómez de Soutomaior, para ser derruída de novo a partir de 1480 polo gobernador real Fernando Acuña. 

Dende entón até 1532, as ruínas do castelo foron empregadas como cárcere, até que nese ano se lle concede a xurisdición ao arcebispo Alonso II de Fonseca, novo señor de Rianxo. A partir desa época, os restos da fortaleza foron espoliados até desaparecer a case totalidade das súas estruturas visibles en superficie. 

Co fin de coñecer mellor esta construción, así como o seu entorno máis inmediato, no ano 2001 levouse a cabo unha intervención no xacemento. Esta deixou ao descuberto parcialmente o solar da fortaleza, documentando o trazado das dúas liñas de muralla, a base dunha torre central e restos de paramentos correspondentes a distintos momentos de uso. Ao ano seguinte, en 2002, o castelo foi de novo obxecto dunha intervención orientada fundamentalmente a traballos de desescombro da área.

Xa no ano 2007 o Castelo da Lúa foi obxecto dunha nova actuación cuxos resultados permitiron profundizar no coñecemento da configuración exacta da fortaleza, así como adoptar as medidas necesarias para garantir a estabilidade e conservación das súas estruturas. 

Con esta finalidade, dende hai uns días estase efectuando unha nova intervención sobre os restos da fortaleza medieval cos obxectivos fundamentais de mellorar a lectura das estruturas e consolidar aquelas que teñan risco de derrubamento. Os traballos son a plasmación dun proxecto elaborado por un equipo interdisciplinar composto polo arqueólogo Mario César Vila, director do proxecto, Gonzalo Buceta Bruneti, conservador e restaurador, Laura García Couto, conservadora e restauradora, e Marcial Rodríguez, arquitecto. 

O proxecto, que contará cunha segunda fase na vindeira primavera, conta cun orzamento de algo máis de 200 mil euros, subvencionado polos fondos Feder e coa colaboración Concello de Rianxo.

Comentarios