Este verán poderían quedar explicados os secretos do Corro dos Mouros de Lugo

Comezaron as escavacións no xacemento do Corro dos Mouros, tamén chamado O Castrillón, situado a escasos oito quilómetros de Lugo.
O xacemento lucense en 2023 (Foto: Nós Diario)
photo_camera O xacemento lucense en 2023. (Foto: Nós Diario)

Desde esta segunda feira, unha nova actuación arqueolóxica no xacemento de Corro dos Mouros, na parroquia lucense de Adai, permitirá  ampliar a zona escavada en 2023.

Segundo explica a USC nun comunicado, realizaranse dúas sondaxes e o rexistro do xacemento cun dron para obter un levantamento topográfico completo. Ademais, coa limpeza, baixo control arqueolóxico, procurarase percibir en condicións a súa superficie. 

O xacemento do Corro dos Mouros, tamén chamado O Castrillón, esta situado a escasos oito quilómetros ao oeste da propia cidade, en terreos que son propiedade da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Adai, Monte de Penas do Caldeiro, Travesa, Raiola, Pedrafita e Pedreiras.

Trátase dun xacemento arqueolóxico tipo 'roda', que presenta unha forma en planta de tendencia circular delimitado por un parapeto ben definido en planta e altura, cunhas dimensións internas entre os 27 metros (Norte-Sur) e 30 metros (Leste-Oeste) e unhas dimensións externas de 52 metros de diámetro. 

Segundo a profesora da USC, Pilar Prieto, estes xacementos “están nunha fase incipiente de investigación xa que só se coñecen trece en publicacións e uns 50 detectados a través de prospección tacnolóxica".

Comentarios