Nova enquisa da AELG para coñecer a situación dos escritores e o impacto da pandemia no sector

A consulta pregunta sobre relacións coas editoras, propostas para o Día das Letras, a relación co ensino e como a COVID afectou o mundo literario

Interior dunha libraría.

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) informa de que está realizando unha nova enquisa para coñecer a situación do oficio de escribir en Galiza e completar a elaboración do Libro Branco sobre o sector que se iniciou o pasado ano e que daba a coñecer os principais datos sobre o perfil e circunstancias dos escritores e escritoras galegas.

Os datos que recolle esta enquisa, indican, amplían os recollidos na anterior convocatoria e pretenden completar o mapa de situación do sector autoral con novos argumentos. O vindeiro 1 de decembro pecharase a enquisa.

A enquisa pregunta, entre outras cousas, como a pandemia afecta o traballo dos escritores e escritoras, tanto desde o punto de vista da literatura como en aquelas actividades relacionadas coa edición e coa promoción das obras.

As preguntas relacionadas coa Covid pretenden coñecer cal é situación do oficio autoral despois da pandemia e até que punto os procesos de escribir e a publicación están afectados pola situación actual.

A nova situación tras a pandemia protagoniza a primeira parte da enquisa, que está organizada nunha serie de bloques argumentais en que, ademais das preguntas relativas ao oficio, consúltanse algunhas actividades arredor da literatura e dos libros.

Entre estas preguntas figuran as relativas á organización do Día das Letras Galegas e de como se escolle a figura principal de cada ano. Tamén se consulta a opinión das autores sobre as feiras do libro en Galiza, os premios literarios e a súa utilidade.

Outros dos bloques que figuran nesta enquisa tenta coñecer aspectos sociais arredor da actividade literaria. A visibilidade da figura de escritoras e escritoras é outra das preguntas que realiza esta enquisa.

Xunto a ela, figuran consultas sobre cal é a situación económica da actividade en Galiza, que xa na anterior enquisa ofreceu datos preocupantes sobre a falta de ingresos para as autoras galegos. Tamén se pregunta sobre a valoración que teñen as escritoras e escritores da AELG sobre o apoio que ofrecen distintas institucións políticas e medios de comunicación, a actividades literarias.

Finalmente, tamén a actividade da tradución é obxecto de consulta nesta segunda enquisa. As relacións co sector educativo son outro dos bloques significativos desta enquisa.

Con este medio cento de preguntas a Asociación pretende ampliar o coñecemento sobre a situación real da actividade literaria e completar os datos para o Libro Branco desta actividade, do que o ano pasado se deu a coñecer unha primeira parte con datos centrados, sobre todo, nos datos económicos da actividade literaria e sobre cantos dos escritores e escritoras galegas podían dedicarse a escribir e manterse con este traballo.

Comentarios