Nova edición do Certame de Poesía Concello de Carral

Volve a convocatoria dunha nova edición do premio de Poesía do Concello de Carral. Podes presentar o teu poemario até o 9 de abril.

O Certame de Poesía Concello de Carral celebra unha nova edición, a décimo novena, co obxectivo do seguir impulsando a creación literaria en lingua galega. Nestas 18 edicións téñense presentado preto de 700 obras, obtendo o premio poetas consagrados hoxe como Rafa Villar,  Isidro Novo, Marcos Calveiro, Oriana Méndez ou Eva Veiga, quen se fixo coa última edición do certame coa obra ‘Soño e vértice’.

A publicación deste poemario de Veiga será presentada o vindeiro 27 de maio nun acto no que tamén se fará entrega do premio da décimo novena edición, que ademais do montante económico (2.500 euros) verase recompensado coa publicación na editorial Espiral Maior. 

Poderán candidatarse as persoas maiores de idadeque presenten as súas obras orixinais e inéditas, escritas en galego e cun mínimo de 500 versos, até 9 de abril de 2016.

Comentarios