Galaxia manterá “as súas características orixinais”

Nova edición dos 'Albums de Guerra' de Castelao

Galicia mártir, Atila en Galicia e Milicianos foron os cartafoles de debuxos cos que Castelao denunciou a barbarie dos sublevados na Guerra Civil. Totémicos e inspiradores, sen concesións, expresión de primeiro nivel da arte antifascista, a editorial Galaxia recupéraos agora nunha edición de vontade facsimilar.
 

álbumes castelao copia
photo_camera Cubertas dos tres 'Albums de Guerra' de Castelao. Foto: Galaxia.

A última versión dispoñíbel foi a publicada en 1996 por A Nosa Terra nun volume conxunto. Vinte anos antes a editorial Akal -con sede en Madrid mais fundada por un galego- fixera o propio con cada un dos títulos. Aínda se atopan nalgunhas librarías. Mais Galaxia anuncia agora que fará a reedición “mantendo as características orixinais dos seus formatos, as medidas, calidades e tonalidades elixidas no seu día polo autor. Aproximáranse o máximo posíbel ás edicións revisadas por Castelao”.

O traballo de Galaxia farase “por primeira vez” a partir das láminas orixinais, depositadas no Museo Provincial de Pontevedra.

“Velaquí a testemuña dun período escuro, un episodio da nosa historia que ten reflexo nestes tres albums de guerra que volvemos poñer a disposición do público galego”, indican desde a editorial.

Os conxuntos de debuxos foron publicados orixinalmente en 1937 e 1938. Galicia mártir -que contén a célebre lámina A derradeira leición do mestre- saíu grazas ao Ministerio de Propaganda da República; Atila en Galicia, en Valencia da man do Comité Nacional da CNT; e Milicianos en Nova York, a cargo da Frente Popular Antifascista Galego.

Comentarios