As artesás mesturan a modernidade con acenos a Galiza

A nova cerámica nace apegada á terra

As creadoras galegas Verónica Moar, Rebeca López e Alejandra Iglesias son tres artesás das mans que están a descubrir as novas posibilidades que ten a cerámica no país. Moitos dos seus produtos acaban na hostalaría. 
Mi madre no me deja 9
photo_camera Rebeca López e Alejandra Iglesias cunha selección de pezas (Foto: Eduardo Armada)

Na Galiza seguen a existir, aínda que cada vez menos, algúns oficios tradicionais que son parte do patrimonio cultural do país. Porén, nos últimos anos tamén agromou unha nova artesanía que aposta en darlle o mesmo cariño e atención ás pezas á vez que as adapta ás modas actuais e as demandas do mercado. Hai pezas de xoiería, figuras de origami e cerámica, ideas varias que están a agromar en moitos talleres da nación. 

A nova cerámica ten moitas formas e cores, moitas curvas que representan a quen a fai, e dous dos expoñentes actuais poderían ser os obradoiros de Verónica Moar na Coruña e Mi madre no me deja en Lugo. As tres mulleres detrás destes proxectos apostaron por renovar a cerámica pero non esquecen que o traballo ten que facerse paseniño e que hai que permanecer apegadas á terra malia que sexa a través de pequenos detalles. 

Verónica Moar, que leva un negocio co seu propio nome e vende online ou contactando con ela a través da páxina web, comezou neste mundo "dun xeito moi espontáneo". "Eu son filóloga e intérprete de lingua de signos pero apunteime nun obradoiro que daban na escola de artes e oficios Pablo Picasso e engancheime", conta.

Esa paixón e interese foron "medrando de maneira natural" até converter algo que semellaba un entretemento nunha profesión e case nunha filosofía vital. 
O que destaca das súas creacións son "unhas liñas moi sinxelas que responden tamén á personalidade e narran historias a través do material". 

Coa "introspección" persoal e tamén propia do carácter de moitos galegos mestura postulados da "filosofía xaponesa". Empezar unha soa non significa que Moar non teña exixencias no seu obradoiro. "Pasei moito polo meu filtro e non fago unha referencia directa á tradición galega pero si á paisaxe e ás formas", destaca. 

Os matices tamén son unha das súas sinais de identidade. Ás veces parece que está sobre a mesa un prato ou unha cunca perfectos pero gústalle "agochar algúns detalles". Faino todo de cabeza porque non pinta bosquexos: centra a peza na mente e vai sacándoa coas ferramentas e coas mans de artesá. Sempre nunha simbiose "moi poética" e tentando ser "moi elegante". 

Un oficio que non entende de ritmos acelerados

Despois de "sete ou oito anos" e de longos "diálogos co material", as pezas de Moar están presentes en moitos locais de hostalaría da Galiza. Hai en Lugo, no Abastos 2.0 en Compostela, pero tamén viaxaron a París e Madrid na maleta de xente que a foi coñecendo no seu camiño. De feito, foron os responsables do restaurante do mercado compostelán os que lle axudaron a dar o salto a Madrid ao abrir outro local naquelas terras.

Haberá présas neste ámbito porque os negocios sempre apuran os prazos para abrir ou renovar as súas propostas pero a artista advirte: "A cerámica non é un oficio que entenda de prazos". 

Coa mesma tranquilidade e equilibrio traballan Rebeca López e Alejandra Iglesias de Mi madre no me deja. Detrás dese nome tan orixinal están dúas mulleres que coincidiron estudando e viron "clarísimo" que tiñan que apostar "na serigrafía na cerámica". 

Os seus símbolos e paxaros nas vaixelas foron a primeira imaxe de marca recoñecíbel pero agora, segundo conta López, "tamén hai xoiaría con textura rota, básicos de decoración, ...". "As nosas obras son moi diferentes, sempre contan unha historia distinta malia que as personaxes sexan fáciles de recoñecer", engade. 

As socias, que xa teñen tenda física en Lugo e tamén van a feiras e mercados por toda a nación, comentan que xogan moito "coas formas orgánicas para evocar a natureza ou a xeometría". Na actualidade están a probar vitrificar a porcelana "coloreada con pigmentos naturais".   

A súa decisión de dedicarse a renovar a cerámica, de retomar un oficio tradicional que a xente relaciona máis con pezas de barro como as de Buño, estalles a brindar confianza de clientela en restaurantes como o Bido, na Coruña, pero tamén mandaron encargos "a Alemaña, Madrid, Barcelona, Estados Unidos...".

Elementos de mesa e proxectos moi persoais

López, Iglesias e Moar están moi enfocadas no día a día a crear complementos, decoración ou elementos de mesa para a hostalaría, pero as súas iniciativas cruzan un pouco esa liña do que só se entende por unha profesión e un negocio para gañar cartos. As lucenses recoñecen que tampouco esquecen traballar de caco en cando en obxectos "como esculturas". "O traballo é moi laborioso pero moi agradecido", indica Rebeca. 

A coruñesa traballa máis enfocada a 'performance' ou montaxes expositivas. "Falo pezas escultóricas que tamén están á venda", subliña, se ben asume que é unha liña de traballo moito "máis persoal" e que non todo o mundo a entende como ela. 

A pretensión é falar a través dos materiais, nin mover un chisco os beizos, sin ter que escribir ningún apunte ou pé de foto. Faino por "achegar a cerámica cara outros recunchos", pero eso que Verónica Moar define como a súa "teima" non sempre o fai soa. 

Nalgunhas ocasións tivo a oportunidade de sumarse a outras mulleres artistas e profesionais de ámbitos como a música, a poesía, o teatro... e xuntas déronlle unha vida ou, se se quer, unha presencia distinta aos obxectos que circulan da súa cabeza ás mans e, de alí, aos fornos. Leva máis ou menos dous anos operando nas dúas liñas diferenciadas.

Un modo de traballar con moitas similitudes

Rebeca López e Alejandra Iglesias contan desde a súa tenda na rúa Nova de Lugo que cando se poñen a traballar debuxan "un pouco" antes de levar as pezas de cerámica á súa cita coa calor. 

"Traballamos sempre con música porque axúdate a concentrarte; este é un traballo monótono en aparencia, pero temos que estar moi concentradas", reflexiona Iglesias. 

Desde o seu punto de vista, o resultado "debe ser perfecto" e, para iso, fan falla "equilibrio e temperanza". Terá algo de razón, si grazas a esa maneira de facer conseguiron estar presentes en restaurantes e fogares de toda Galiza e fóra dela, non só nas mans de emigrantes. 

Verónica Moar, da Coruña, avanza coas pezas para restaurantes e as obras máis escultóricas "soa no taller". "Poño a radio para que faga compaña pero céntrome no diálogo co material", incide, deixando novamente claro que os elementos por si mesmos teñen que ser quen de contarlle algunha historia ao público e a clientela. 

Ten que situarse no contexto de cada local de hostalería para cumprir coas expectativas. De feito conta que, cando está xogando coa cerámica para encargos concretos, gústalle que as ou os propietarios da instalación lle expliquen como a conciben para facer casar as vaixelas á perfección. Por iso, é unha habitual na carta de utensilios que se empregan na restauración de corte moderna. O mesmo lles pasa ás emprendedoras de Mi madre no me deja. E, de seguro, na mesma liña seguirán outras galegas que decidiron poñer o foco neste oficio artesán. 

Comentarios