Xurxo Lobato, fotógrafo

"A nosa lingua está en retroceso"

No VeñanMáis5 pulsamos esta sexta feira as opinións de Xurxo Lobato.

XurxoLobato2
photo_camera XurxoLobato2

Se falamos de cultura galega non podemos deixar fóra a obra de Xurxo Lobato. Este fotógrafo da Coruña e membro da Academia Galega de Belas Artes recibiu no ano 2003 o Premio Ortega Gasset por unha fotografía emblemática da catástrofe do Prestige. Ten realizado numerosas exposicións individuais e colectivas entre as que atopamos Airiños Aires Rosalía e Rostros do país. Lobato organiza ademais o concurso fotográfico que leva o seu nome dirixido a mozos e mozas galegas de educación secundaria e FP.

-Como avalías o estado actual da cultura galega?
-Houbo un avance importante se miramos cara atrás. Nunca houbo tanta calidade na cultura galega feita coma hoxe. O idioma nunca tivo tanto recoñecemento oficial. Todo pola resistencia e perseveranza dos sectores con máis conciencia da galeguidade. Mais se miramos cara ao futuro, a lingua está en retroceso, non é útil, e a xente nova, e nas cidades, non a fala. É un problema que non se arranxa só con leis e decretos. Só cando teñamos orgullo de ser galegos, de ser nós no mundo, a cousa poderá cambiar. A cultura do País está na literatura, música, arte, audiovisual penso que con calidade homologada a outros países do entorno. Segue tendo un peso excesivo a escrita, ás veces parece que só a literatura é cultura. Neste aspecto a fotografía segue a ser esquecida e minusvalorada.

Sermos ten abrir as portas e ser un produto xornalístico pensado para que o lean a maioría dos galegos/as

 -Que evolución agardas da cultura galega a cinco anos vista?
-Na lingua son pesimista, non está a resistir a influencia do español e inglés. Non se percibe como útil e cada vez hai máis diferenza entre as cidades e as vilas no seu uso. Só é cultura galega a que se fai no idioma do país? Debemos reflexionar sobre este tema. Hai o caso irlandés. O futuro pasa por consumir cultura galega, sen complexos. Non pensar que polo feito de que sexa en español ou inglés vaia ser mellor. Ás veces si e outras, non. A maioría do país mira con receo o noso, hai que superar este complexo de inferioridade. Non só é cousa de axudas oficiais e política cultural, que tamén. A presión tan forte da cultura hexemónica anglosaxoa, que varre con todo e uniformiza... A TVG non é a telegaita, é a TV que fala de nós, ás veces gústanos e outras non, pero moito máis digna como TV que moitas xeneralistas españolas. E así máis casos… Pensar en exportar a nosa cultura, difundila, ensinar o que facemos. Gañar espazos no mundo. Internacionalizala. Isto influirá na percepción que teñamos. Se nos valoran fóra será mais fácil que nos valoren aquí.

-Que esperas de Sermos nos próximos cinco anos e en que cres que debemos e/ou podemos mellorar?
-Quero que sexa ademais dun medio escrito en galego e pensado en galego, que se converta no medio galego de referencia. Que abra as portas e sexa un produto xornalístico pensado para que o lean a maioría dos galegos/as. Que diferencie liña editorial e opinión da información. Que mire o mundo dende Galicia. A gran eiva é fotográfica, ten que mellorar a edición gráfica, profesionalizala.

Comentarios