Cultura

Varios museos galegos lanzan á rede concursos para o Día do Libro

En Ribadavia e Ourense #aculturasegueOs museos galegos lanzan á rede concursos de cara ao Día do Libro
libros
photo_camera libros

"Nestes días os museos estamos sendo máis virtuais que nunca", afirman desde o Museo Etnolóxico de Ribadavia, en referencia aos diferentes contidos que procuran aglutinar nas redes baixo o cancelo #aculturasegue. Esta institución promove até 20 de abril un concurso aberto á participación de calquera persoa disposta a achegar refráns, ditos, cancións, cantigas, regueifas, contos ou historias.

A única condición é vencellar estes elementos populares co mes de abril, en calquera núcleo temático: o tempo, o campo, o mar, a natureza, os amores... Para participar só hai que deixar un comentario no seu Facebook ou Twitter, ou mandar un correo electrónico. O premio, que se decidirá por sorteo entre as concursantes, inclúe os catálogos O calendario agrícola e Os catro elementos. Ademais, o 23 de abril, Día do Libro, editarán en liña un volume colaborativo con todas as achegas recibidas.

Tamén até o 20 de abril está aberto o prazo para o concurso de microrrelatos do Museo Arqueolóxico de Ourense. A súa premisa é que entre as 140 e 160 palabras do texto se inclúa "museo" e "arqueoloxía". Nesta ocasión, o galardón consiste nun lote de 10 libros editados pola propia entidade.

Comentarios