'Nós Diario' prepara un grande especial sobre Carvalho Calero

Nós Diario iniciou esta semana a súa particular conmemoración do Día das Letras Galegas, dedicado ao ferrolán Ricardo Carvalho Calero. Ao longo de todo o mes, publicaranse na sección cultural artigos que afondarán no coñecemento do escritor. Mais non só. Nós Diario ultima un grande especial, de 48 páxinas a cor, que estará á venda co xornal o sábado 16 de maio.
Ricardo Carvalho Calero

Carvalho Calero. Vivir con autenticidade. Baixo este título ultima Nós Diario un semanario especial que verá a luz o 16 de maio con motivo do Día das Letras Galegas. Trátase dunha publicación que recolle oito grandes artigos dos máis recoñecidos estudosos da obra e da figura de Ricardo Carvalho Calero. En 48 páxinas a cor, grampadas e guillotinadas, Sermos Galiza debulla as diferentes vertentes do poliédrico escritor. Unha coidada edición de 4.000 exemplares con formato revista.

E por que Carvalho Calero. Vivir con autenticidade? Explícao Xoán Costa, presidente e conselleiro delegado de Sermos Galiza, S.A., e coordinador da publicación. En carta a Fernández del Riego, Carvalho Calero explica como aceptou o posto de profesor na Universidade de Compostela, "o decano escribiume oferecéndome o posto. Como a cadeira non está dotada, só se dispón de 700 pesetas mensuás pra me remunerar. Pero, ¿cómo ía atreverme a refusar? Mallaríades en min. Contestei aceitando... En fin, é unha aventura persoal impropria dos meus anos; pero quero ensaiala, inda que remate mal, pois sería paradóxico que a esquivara. Hai que vivir con autenticidade". "Sob esa perspectiva, e con ese título, aparece o Sermos Galiza que conmemora e celebra este 17 de maio", afirma Costa, un dos estudosos do autor, con quen compartiu numerosos momentos. O propio coordinador deste especial e Xosé Ramón Freixeiro Mato, María Pilar García Negro, Xoán Carlos Garrido, Aurora Marco, Pilar Pallarés e Francisco Rodríguez ispen o homenaxeado pola Real Academia Galega para dar a coñecer as súas múltiples vertentes.

Os artigos

En "Carvalho Calero e a codificación da lingua galega"  o profesor da UDC e escritor Freixeiro Mato aproxímanos ao esforzo que o ferrolán dedicou a tentar solucionar un dos problemas que pesou sobre a lingua na época contemporánea, como foi a ausencia dun código unificador ou norma culta, máis unha consecuencia da súa falta de normalización social, e que converteu Carvalho nunha figura central no proceso de estandarización do idioma no século XX.

"Por que celebrarmos Carvalho Calero?" é a pregunta baixo a que presenta o seu artigo a escritora e profesora da UDC María Pilar García Negro, que dá cumprida resposta ao redor das seguintes  explicacións: porque o merecen a súa persoa e a súa obra; porque a súa vida e traxectoria abranxen un século XX á galega que coñeceu acontecementos fundamentais da nosa historia contemporánea, de que el foi testemuña e/ou protagonista; porque é artífice directo e perseverante da construción cultural galega dese século; por ser o escritor da súa xeración que máis e mellor contribuíu ao engrandecemento da literatura galega en todos os xéneros e porque a súa obra estritamente de creación literaria (poesía, teatro, narrativa) abondaría, alén da súa inmensa obra científica, para lle consagrar o Día das Letras Galegas, (re)editar a súa obra completa e celebralo, en fin, co estudo e a divulgación debida.

A escritora e profesora da USC Aurora Marco centra o seu traballo no ideario galeguista do homenaxeado cun artigo titulado "O activismo político-cultural de Carvalho Calero no período republicano". El mesmo definíase como "un galeguista puro" nunha entrevista publicada en A Nosa Terra o 2 de decembro de 1977. Unha declaración que reflicte unha realidade desde que, en idade temperá, se sumou ao galeguismo. Non por acaso foi (co)fundador do Partido Galeguista (PG) e "apreixou o ideal que uniu mulleres e homes no proceso de construción dun país e na defensa da súa lingua e cultura".

"Abrindo o camiño: o rosalianismo de Carvalho Calero" é o título da colaboración do historiador e ensaísta Francisco Rodríguez, que incide na importancia do autor de Scórpio na historia e crítica da Literatura Galega, e especialmente, na consideración de Rosalía como peza fundamental do renacemento  literario, como cabeza cualitativa da súa xeración e figura central de todo o corpus literario que Galiza construíu desde entón.

Limiar da escolma poética  'Beleza, verdade' e entrevistas

Complétase este Sermos Galiza especial con catro textos xa publicados mais non suficientemente divulgados. Primeiro cun extracto do limiar de Beleza, verdade. Escolma poética de Ricardo Carvalho por conta de quen foi Premio Nacional de Poesía en 2019, Pilar Pallarés. Finalmente, recóllense as entrevistas realizadas por María Pilar García Negro e polo profesor e filósofo Xoán Carlos Garrido a Margarida Carballo Ramos e a María Victoria Carballo-Calero Ramos, fillas do autor homenaxeado. Estas pezas foron publicadas na revista Terra e Tempo nos números 155-158, xunto cun fragmento, organizado tematicamente por Xoán Costa e Francisco Rodríguez, da conversa que no inverno de 1989 mantivo o profesor da UDC Francisco Salinas con Carvalho Calero e que forma parte da edición en vídeo que prepara a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), entidade promotora daquela entrevista. O especial venderase conxuntamente con Nós Diario o 16 de maio.

Calero protagonizará as páxinas de cultura e os pasatempos de maio 

Nós Diario abriu o seu particular mes Carvalho Calero a pasada terza feira. Así, e até 30 de maio, o protagonista do Día das Letras Galegas éo tamén da sección cultural do xornal, que publica en todos os seus números dúas páxinas completas nas que tratará aspectos da biografía do autor, así como do contexto en que se desenvolveu a súa vida. Tamén versarán sobre a súa obra, como ensaísta e como creador. Entre as colaboracións, Nós Diario conta con artigos asinados por estudosos da figura de Carvalho, entre os que se atopan Adolfo de Abel Vilela, Ramón Reimunde, Carme Fernández Pérez-Sanjulián, María Pilar García Negro, Cilia Torna, Henrique Dacosta ou Carme Vidal.

Mais non só se afondará no coñecemento de Carvalho nas páxinas de cultura, pois a sección completa de pasatempos tamén se centra neste mes no ferrolán. Nós Diario publica innovadores saltos de cabalo con citas tiradas da Historia da Literatura Galega; sopas de letras; pasatemporarios; cruzadiñas; procura a cita e outros puzzles construídos ao redor do escritor.

CapaSG

Comentarios