'Nós Diario' recupera textos de Carvalho Calero para seguir a celebrar o escritor

Durante xuño e xullo publicarase, diariamente no diario e na web, unha escolma de textos que o homenaxeado no Día das Letras Galegas publicou en prensa ou pertencentes a conferencias súas. Nós Diario quere así reivindicar que o Ano Carvalho se prolongue até 2021.

Logo carvalho calero
photo_camera Logo especial creado para estas publicacións.

Nós Diario continúa a celebrar o ano Carvalho Calero. Durante estes meses de xuño e xullo publicarase, tanto na edición en papel como na dixital, unha escolma de textos que Ricardo Carvalho Calero publicou na prensa ou ben pertencentes a conferencias súas, moitos deles abordando temáticas de plena actualidade hoxe en día.

A selección dos textos corre a cargo de Xoán Costa, presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza S. A., e coordinador da publicación especial de Sermos Galiza dedicada á figura de Carvalho Calero, publicada o pasado mes de maio, e a edición corre a cargo de Belén Bouzas. Mediante esta recompilación preténdese achegar ao público lector parte da obra de Ricardo Carvalho Calero, non sempre de fácil acceso pola falta de reedicións, coa vontade de mostrar a súa figura desde a súa propia palabra, desde o seu propio ollar. Gran conferenciante, o autor deixou innúmeros artigos de opinión, sobre cuestións lingüísticas, literarias... Todos eles caracterizados por apresentar temáticas que o colocan na máxima actualidade. Os textos que publicará Nós Diario ao longo destes meses pertencen a obras referenciais como Problemas da lingua galega (Livraria Sá da Costa, 1981), Da fala e da escrita (Galiza Editora, 1983), Letras Galegas (Agal, 1984), Do galego e da Galiza (Sotelo Blanco, 1990) e Umha voz na Galiza (Sotelo Blanco, 1992). 

Sermos Galiza S.A. agradece a familia do homenaxeado que lle permita a reprodución dos artigos.

A iniciativa procura ser tamén a forma en que Sermos Galiza S.A. se suma á reivindicación social para que a Real Academia Galega (RAG) amplíe a celebración do ano Carvalho Calero a 2021. De feito, Nós Diario creou para a ocasión un logotipo propio, que representa a silueta do escritor, lingüista e intelectual ferrolán, e que acompañará os textos seleccionados. Nós Diario anima a quen o desexar o uso desta creación nas redes sociais.

Compromiso

O pasado 16 de maio viu a luz Carvalho Calero. Vivir con autenticidade. Un número especial do semanario Sermos Galiza que recollía oito grandes artigos das máis recoñecidas estudosas e estudosos da obra e da figura de Ricardo Carvalho Calero. En 48 páxinas a cor, grampadas e guillotinadas, a publicación debullaba as diferentes vertentes do poliédrico escritor nunha coidada edición con formato revista.

Nós Diario abriu o seu particular mes Carvalho Calero a inicios de maio. Até o 30 dese mes, o protagonista do Día das Letras Galegas centrou tamén a sección cultural do xornal, que publicou en todos os seus números dúas páxinas completas nas que tratou aspectos da biografía do autor, así como do contexto en que se desenvolveu a súa vida, así como sobre a súa obra, desde a vertente ensaísta até a de creador. Entre as colaboracións, Nós Diario contou con artigos asinados por estudosos e estudosas da figura de Carvalho, entre os que se atopan Adolfo de Abel Vilela, Ramón Reimunde, Carme Fernández Pérez-Sanjulián, María Pilar García Negro, Henrique Dacosta, Bernardo Maiz ou Carme Vidal.

Mais non só se afondou no coñecemento de Carvalho nas páxinas de cultura, pois a sección completa de pasatempos tamén se centrou neste mes no ferrolán. Nós Diario publicou innovadores saltos de cabalo con citas tiradas da Historia da Literatura Galega; sopas de letras; pasatemporarios; cruzadiñas; procura a cita e outros puzzles construídos ao redor do escritor.

Comentarios