Combinan lecer, aprendizaxe e tecnoloxía

'Nós Diario' amplía a oferta de pasatempos para 2021

A partir do próximo sábado 2 de xaneiro as lectoras e os lectores de Nós Diario poderán gozar cos novos pasatempos que incorpora o xornal, así como as modificacións que van sufrir algúns dos actuais. 
montagem passatempos
photo_camera Algúns dos novos pasatempos cos que vai contar o xornal. (Foto: Nós Diario)

Xoán Costa é, ademais de filólogo, docente e presidente de Sermos Galiza, o autor, canda Xerardo Rodríguez Roca, dos pasatempos do noso xornal que explica a dobre finalidade destes entretementos.

"Desde o comezo, pretenden ofrecer diversión e ao mesmo tempo aprendizaxe". Sobre todo cos xogos de palabras, "buscamos que os usuarios e as usuarias teñan máis fluidez e maior dominio do galego e que se habitúen a facer na nosa lingua o que posibelmente facían noutras linguas", di o autor.

No próximo ano haberá dous xogos novos, un deles titúlase “7 palabras” e é unha especie de encrucillado en branco, nun cadro de sete por sete que ten a particularidade de que todas as palabras se cruzan, e así, o termo do tres horizontal é igual ao do tres vertical, por exemplo. “É unha serie limitada que durará até o final do primeiro semestre de 2021”, conta Xoán Costa.

O outro xogo novo será “Unha para todas”, baseado nos encrucillados de vocabulario coa característica de que aparece escrita unha palabra e todas as demais serán sinónimas da descuberta e, por tanto, non terá definición, senón que a persoa que o faga deberá deducir as demais palabras. Como iso non é fácil, algún dos outros termos levará escrita algunha letra.

A sopa de letras do diario agora chamarase "Vento mareiro" e tratará textos e poemas relacionados co mar, que tamén poderá contar con ligazón a músicas ou imaxes alusivas

As novidades tamén lle afectan ao Sermos Galiza

O suplemento do sábado incorpora novidades nas súas sopas de letras, que no ano que remata estaban centradas en escritoras e escritores e na nova tempada mudará o nome para "Letras con música" e nelas aparecerán letras de cancións.

A propia sopa levará un código QR incrustado para que co teléfono móbil, mentres se fai o pasatempo, se poida escoitar a canción en cuestión ou, se é o caso, o poema musicado.

Ademais, relata Xoán Costa, "introducimos os clásicos encrucillados en branco, que até agora non aparecían pero foron moitos os lectores e lectoras que os pediron".

Comentarios