Nós Diario afonda no mundo dos apelidos no seu novo coleccionábel

A obra constará de 31 fascículos que se publicarán de terza a sexta feira nos meses de setembro e outubro. Nela trataranse algo máis de 200 apelidos.

Letreiro da parroquía de Prada, A Veiga (pradaveiga.es)
photo_camera Letreiro da parroquía de Prada, A Veiga (pradaveiga.es)

Nós Diario agasallará ás súas lectoras e lectores cun novo coleccionábel co nome de Onomástica nacida da terra dedicado, nesta ocasión, aos apelidos. En 31 fascículos, que sairán de terza a sexta feira este mes e tamén en outubro, poderemos saber máis da onomástica galega a través de etimoloxías e baseándose nas investigacións de persoas doutas na materia.

Por este motivo achéganse especialistas como Gonzalo Navaza, Ana I. Boullón Agrelo, Clara Iglesias, Fernando Cabeza Quiles, Edelmiro Bascuas, Eligio Rivas Quintas, entre outras.

“Non resultou moi sinxelo, pois buscabamos apelidos –con relación toponímica– que tivesen no noso país formas deturpadas ou castelanizadas”, sinalaba o seu autor, Héitor Picallo, nunha recente entrevista a Nós Diario.

Apunta que, para este coleccionábel, “quixemos adobialo con referencias históricas, quer dalgúns lugares citados quer dos antropónimos, na procura de datos curiosos e, ao mesmo tempo, daqueles que dean visibilidade ás mulleres deses tempos, agochadas tantas veces debaixo dun patriarca ou dunha elipse documental”.

Neste traballo poderemos atopar apelidos que están “en vías de desaparición, no que só existen un puñado de individuos que o usan nese momento” e ademais “co agravante de que se vai colocado en segundo lugar –habitualmente o apelido materno– ten todas as cartas para esfarelar entre papeis, recordos e manuscritos: a nosa vida, a nosa identidade recollida en arquivos”.

Picallo asegura que “en todo apelido hai algo interesante agochado que se pode resaltar: o nome dun lugar, a vinculación cun personaxe histórico, unha evolución ilóxica ou relacións etimolóxicas entre algúns deles”.

Neste coleccionábel tamén poderemos ver como se castelanizaron moitos apelidos. “Basta rabuñar un chisco na cerna da “árbore familiar” para sabermos que antes dun Fuentes houbo un “de la Fuente”, e en tempos máis antigos un “da Fonte”. En conclusión, podemos sinalar que “aos nosos antepasados mudáronlles os nomes da súa proxenie”, e nós”, asegura Picallo.

Comentarios