sábado 27/02/21
Escolma de obras de autores como Risco, Pedrayo ou Castelao

'Nós Biblioteca', colección de Galaxia en homenaxe aos artífices da revista 'Nós'

A Editorial Galaxia vén de publicar unha nova colección vencellada á revista Nós, cando se fan os 100 anos da saída do prelo do seu primeiro número.
ramoncabanillas
Ramón Cabanillas integra a colección 'Nós Biblioteca'. (Foto: Nós Diario)

A editorial Galaxia conmemora a efeméride dos 100 anos da revsita Nós coa saída de "Nós Biblioteca", composta por unha decena de obras de e sobre Vicente Risco, Otero Pedrayo, Ramón Cabanillas, Antón Losada Diéguez, Antón Vilar Ponte e Daniel Rodríguez Castelao. 

Os intelectuais ourensáns, Pedrayo e Risco, son a quen lle corresponde un maior número de libros da colección, con tres obras en cada caso.  

Teoría do nacionalismo galego e Leria, de Vicente Risco, súmanse á biografía realizada polo escritor Carlos Casares, Vicente Risco, na que se aborda o personaxe do director da revista Nós desde  coñecemento e o trato persoal entre os dous autores cando Carlos Casares cursaba o Bacharelato.

Teoría do nacionalismo galego é un dos textos políticos máis influentes da Galiza do século XX; e Leria, unha colección de ensaios e colaboracións para a prensa vencellados á súa xeración.

De Ramón Otero Pedrayo, a colección Nós de Galaxia conta con tres reedicións: Entre a vendima e a castiñeira, libro de relatos; O señorito da Reboraina, considerada unha das obras mestras da literatura galega e onde Otero Pedrayo depura e perfecciona a súa escrita; e Polos vieiros da saudade, obra na que relata a súa viaxe a América e o reencontro co seu amigo Castelao, entre outros.

O esquecido mentor de Nós. Escolma de textos, 1900-1929  é a obra que se centra na figura de Antón Losada Diéguez e que consta dunha selección, feita polo historiador Justo Beramendi, de 51 escritos do intelectual que foi, para Xaquín Lourenzo "a semente da xeración Nós".

Así mesmo, unha escolma de artigos é o contido de Co pensamento na patria, de Antón Vilar Ponte, figura imprescindíbel do xornalismo da súa época.

A antoloxía poética de Ramón Cabanillas Antífona da cantiga é outra das obras incluídas na colección Nós de Galaxia. Con ela, o autor de Cambados comeza, na década de 1940, unha nova etapa como poeta centrado nas cantigas populares.

Diario 1921, de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao é outra das obras da colección. Nela, o intelectual escribiu as impresións que lle produciu a viaxe de estudos que realizou por Francia, Bélxica e Alemaña para coñecer as últimas tendencias artísticas que se manifestaban ao longo de Europa. A viaxe decorreu entre o 26 de xaneiro até o 10 de outubro e algúns fragmentos apareceron na revista Nós nos anos 1922 e 1923.

'Nós Biblioteca', colección de Galaxia en homenaxe aos artífices da revista 'Nós'
comentarios