Entrevista a Dios Ke Te Crew

"Non temos medo á represión porque o que dicimos é totalmente obxectivo... estamos no noso dereito a dicilo"

Jamas, Sokram e Mou son, con El Padre Murdock aos pratos, os Dios Ke Te Crew en 2019. Acaban de publicar o seu terceiro disco, O ciclo da serpe (Rapapoula), manifesto apocalíptico, aviso de incendio, en que diversas variacións da electrónica se apropian das músicas e textos e voces advirten da sen razón do modo de vida no capitalismo. “O futuro da humanidade pasa por reducir o noso impacto no planeta”, consideran, con humildade pero con firmeza, Mou e Sokram, que nesta entrevista con Sermos Galiza explican o seu primeiro regreso discográfico oito anos despois de Humanose. Na formación xa non está García MC. Eis un extracto da conversa, publicada no número 346 do semanario en papel.

foto2

mini_3 (2)O primeiro single de O ciclo da serpe apareceu en decembro. Titúlase Silencio e é unha crítica aos ataques á liberdade de expresión. Imaxinabades que un día, en 2018, teriades que defender o dereito a cantar o que vos apeteza?

Mou. Tan heavy non.

Sokram. Non pensabamos que ía ser tan doado ir a xuízo. Collen unha frase e veña. Todo era posíbel pero a verdade é que eu non o imaxinaba nin de broma. Que suceda de maneira tan impune.

M. Cando escribín Ke traballe o rei!!! [incluída no primeiro disco de DKTC, Xénese (2006)], por exemplo, que é unha canción antimonárquica pero non é unha canción que a min me pareza para nada susceptíbel dunha denuncia...

Dios Ke Te Crew nunca mordeu a lingua.

M. É que nin sequera o considerabamos, non tiñamos medo. Nin pensabamos niso. Porque todo o punk radical vasco, ou o rock urbano español, o punk, o hip hop... Non quero citar nomes porque pode dar lugar a denuncias [risos]... Dicíao Pablo Hasél nunha entrevista: “Coñezo frases de mc [mestres de cerimonias, os cantantes de rap] españois que din cousas tan jartas como podo dicir eu, pero como non son rap supostamente político non tivo consecuencias”. Non pasou nada. Pero xente politicamente posicionada como Hasél, Valtònyc ou A Insurxencia...

Que sucedeu para chegar a este punto represivo?

S. Á vista está o retroceso político mental, o auxe da ultradereita...

M. E non hai separación de poderes. Á fin e ao cabo, mesmo a Audiencia Nacional está politizada.

Sentistes nalgún intre que esta situación vos empurraba á autocensura?

S. Intentamos que non nos afecte. Obviamente está aí enriba, nas noticias e por aí, e sempre o tes presente. Pero no disco non nos cortamos.

M. Non censuramos nada. Non recordo un verso frase que trouxese alguén do grupo e outro dixese: “Coidado con iso”. Pero nós creo que nunca fomos tan incendiarios como pode ser algunha frase de Hasél. En todo caso, estamos totalmente en contra de que se poida imputar a ninguén por unha canción, por facer unha letra dunha canción. Non creo que as nosas letras sexan susceptíbeis de denuncia, pero tampouco o son as que se lle imputan a esta xente. O de Valtònyc é absurdo, era un rapaz...

Tamén trataba do Rei, por certo.

M. Si, pero é absurdo. Nós, a verdade, non temos medo da represión porque cremos que o que dicimos é totalmente... obxectivo.

S. E estamos no noso dereito a dicilo.

No voso respírase un aire apocalíptico. Achégase a fin do mundo?

S. Nós somos de Ordes, para empezar, e iso marcounos moito. Temos pegada unha central térmica, temos unha incineradora, temos o vertedoiro máis grande de Galiza totalmente descontrolado. Querían amplialo pero gañouse o recurso...

Xa vivides nunha distopía.

S. Vivimos en Mordor.

M. Non directamente nunha distopía, pero vémola aí.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 346 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios