Non Somos Nós: "Non hai moita diferenza entre ilustrar un poema cun bolígrafo ou cunha guitarra"

Hai un par de semanas botou a andar a "Xira Xuntos e Revoltos", do dúo poético-musical Non Somos Nós, formado polo poeta Manuel L. Rodrigues e o músico Manuel Mariño Reino (entre eles chámanse Manuel e Manolo).

Non somos nós
photo_camera Non somos nós

O primeiro é membro do Colectivo Literario Sacou e responsábel de Acha Escrava Editora; recita versos do seu libro Antítese nativa. O segundo, antigo baixista da banda noiesa 7 LVVAS (unha das pioneiras do rock galego), pon guitarra, harmónica e voz. O resultado desta simbiose, hora e media de actuación, poderá comprobarse en diversos lugares do territorio galego (pode consultarse o calendario no blog www.nonsomosnos.blogspot.com.es). Falamos con eles poucas horas antes da segunda posta en escena, que tivo lugar en Noia, na antiga igrexa de Santa María a Nova. 

Na primeira actuación, entendín mal ou xa foron vostedes capaces de manter a atención do público durante hora e media?
Manuel Mariño. Si… Mais ímolo baixar a unha hora.
Manuel L. Rodrigues. A primeira vez quixemos que a actuación fose íntegra... para saber que temas funcionaban mellor. Ademais pretendiamos premiar o público que se achegou a vernos. En posteriores ocasións iremos alternando as cancións e poemas, de xeito que non haberá dous recitais iguais.

Ademais de acurtar o tempo, teñen previstos máis cambios? Algún elemento escénico, por exemplo?
M. L.
En cada ocasión faremos algunhas modificacións. Quitamos algunha canción, engadimos un par de poemas… Sobre a escenificación podo asegurar que haberá sorpresas.
M. M. Temos unha estatua dun moucho que estará sempre con nós no escenario. (Ri.)

Como foron tecendo a combinación de poemas e cancións? 
M. M.
Digamos que foi Manuel quen se encargou de seleccionar os poemas afíns a cada canción, sen orde ningunha. O xeito de mesturalas coa música procuramos varialo para que non lle sexa monótono ao público (nin a nós, claro).
M. L. Si, e buscamos que teñan puntos temáticos comúns os poemas e as pezas musicais.

Entón é posíbel que nun concerto un poema vaia cunha canción distinta á que levaba no anterior?
M. M.
Non, non.
M. L. Mais é posíbel que tal poema ou canción non soe... e soe outra.

Estiven na estrea do espectáculo e daba a impresión de querían amosar todo o repertorio de 7 LVVAS.
M. M.
(Ri.) Que va!… Se só foron quince cancións, creo. Hoxe van ser catro menos. (Volve rir.)

Por que xurdiu esta unión? Por que casan tan ben as cancións cos poemas?
M. M.
Foi idea de Manuel. Casan ben as cancións e os poemas pola influencia que tiveron a música dos LVVAS no poemario de Manuel...
M. L. Quizais esta unión xurdiu por amizade ou afinidades. Eu coñezo a Manolo desde hai moito tempo. Un día ocorréusenos a idea e botámola a andar. O máis sorprendente é a facilidade para traballar con el. No primeiro ensaio improvisado decatámonos de que o proxecto podía callar. Non sempre intercalamos poemas con cancións. Ás veces eu recito só, e el canta só. Depende das circunstancias. Como dixen, non facemos dous espectáculos iguais.

Manuel Mariño, que tamén é pintor (asina como m. m. reino), fixera as ilustracións para un libro de Acha Escrava e agora dá o salto a pórlle cancións a outro poemario da mesma editora…
M. M.
Non vexo moita diferenza entre ilustrar un poema cun bolígrafo ou cunha guitarra. O fin é o mesmo: aportar un pouco de luz.

"Será porque Galiza non dá cambiado? Ou somos nós os inmutábeis? Who knows!!"

Que lle transmite a vostede a poesía de Manuel L. Rodrigues?
M. M.
É algo estraño… Sobre todo imaxes... É como se fose vendo fotos... unha tras outra... Ao principio totalmente inconexas... Pouco a pouco van aparecendo fíos condutores, mesmo dentro dun poema, mesmo co resto do poemario. Todo un descubrimento para min, que son un profano total no tema.

Manuel L. podería ser letrista de 7 LVVAS?
M. M.
Sen dúbida! (Ri.) Non sei que pensará Fredi (letrista e cantante de 7 LVVAS) pero algo parecido a 7 LVVAS sairía de aí.

Desde logo este poeta é un gran afeccionado ao rock (mesmo fixo unha letra para un grupo de trash metal) e sei que os dous comparten o gusto inmenso por Neil Young…
M. M.
Si, míster Neil, si… Co trash creo que vou maior. Quítasme os acordes menores e non conecto, son como o meu interruptor. (Volve rir.)

Pero o certo é que se nota a man de Fredi Barreiro en que as cancións son case todas versións de Bob Dylan!!
M. M.
A presenza de Fredi é evidente. É o autor das letras dos 7 LVVAS. Nós aportámoslle os poemas e a interpretación. As letras son as versións de Fredi en exclusiva. É verdade que no repertorio pesaba moito Dylan, claro (o mellor letrista de cancións de longo, seguido moi cerca por Leonard Cohen) pero tamén estaban Van, Springsteen, Buffet, Cohen, Hank, etc.

E o nome do dúo, Non Somos Nós, non será tamén por aquel "It ain´t me, babe" de Dylan?
M. L.
A idea do nome foi de Manolo. Que responda el.
M. M. Si, é unha canción onde lle canta ao público (non a unha parella, como dá a entender nunha primeira escoita), e como somos dous pois vai en plural. De todos os xeitos foi elixido polo público nunha enquisa en Facebook.

Que opinan Fredi e os ex-LVVAS do proxecto?
M. M.
Con Fredi tiven unha conversa sobre o proxecto antes da súa presentación e pareceulle boa idea. Temos pendente compartir as impresións despois de ver o espetáculo. 

Como lle afectou a reciclaxe de baixista dos LVVAS en cantante e guitarrista?
M. M.
Como guitarrista foi algo natural porque antes de baixista xa tocaba a guitarra desde moi pequeno. Como cantante solista estou en proceso de aprendizaxe. É certo que cantaba na rondalla na miña infancia e facía coros cos LVVAS… mais enfrontarse só a unha canción é totalmente distinto. Non sabía se a miña voz ía afinar; parece que si pero aínda estou en proceso de aprendizaxe. Á miña idade!! (Ri.)

Din vostedes que os temas interpretados se adaptan á realidade galega. Que hai no ambiente que fai que esas letras dos primeiros noventa aínda nos sigan falando da Galiza actual?
M. M.
Será porque Galiza non dá cambiado? Ou somos nós os inmutábeis? Who knows!!

Había versos de Fredi, daqueles máis sociais, que falaban da problemática laboral, das novas directrices europeas...

M. L. En realidade, Galiza non mudou tanto nos últimos anos. Sexa como for, os poemas de Antítese nativa adáptanse ás cancións desde un punto de vista "non social", agás algún caso contado. Digamos que é unha aportación mutua. De como facer algo novo sobre algo xa creado.

Será que a crise dos noventa tamén se fixo notar naquel grupo, e iso influíu á vez no adolescente Manuel?
M. L.
É innegábel que os 7 LVVAS influíron na miña adolescencia. Xusto no intre no que comezaba a escribir. É curioso, mais eu coñecín a Neil Young e a Bob Dylan polos LVVAS. As letras dos temas de Fredi eran un feito co que identificarse naqueles anos e a influencia dos LVVAS na poesía primeiriza daquel intre é obvia.

Entón para vostede é un soño cumprido recitar cos LVVAS...
M. M.
Será máis ben un pesadelo! (Ri.)
M. L. (Tamén ri.) A min faime moita ilusión poder recitar con Manolo. E se é con temas dos 7 LVVAS aínda máis. Eles foron a banda sonora da miña adolescencia.

Comentarios