TOÑO CABANELAS, DIRECTOR CREATIVO DE TEK-FEST

“Non só cambia a maneira de traballar pola aparición dunha tecnoloxía, cambia toda a sociedade”

Hoxe botou a andar a primeira edición do Tek-Fest, un Encontro Internacional de Tecnoloxías Emerxentes que percorre en Pontevedra os novos camiños que o resto andaremos no futuro. Na dirección creativa está Toño Cabanelas, un pioneiro da realidade virtual cun pé en Madrid e outro na súa Galiza natal, onde segue a desenvolver proxectos coma este. 

cabanelas-tekfest
photo_camera Toño Cabanelas [Foto: Cris Pontanilla/Tek-Fest]

- O Tek-Fest defínese como o Encontro Internacional de Tecnoloxías Emerxentes. Que tecnoloxías que agora están nunha fase inicial dirías que serán de uso común en pouco tempo?
- Penso que unha das liñas que traballamos nesta edición, que é a realidade virtual, é digamos que unha das tres máis prometedoras que naceu nos últimos dez anos e creo que en poucos anos vai estar moi implantada. Estamos moi contentos de tela presente no Tek 2016 e mesmo algún dos compoñentes dos simposios somos pioneiros a nivel estatal e internacional nesta tecnoloxía. Entón para nós é moi importante, porque penso que é de grande axuda para plantexarse crear proxectos nesta rama da tecnoloxía e, ademais, moi boa para a cidade de Pontevedra.

- Falando de Pontevedra, tamén se fala moito de cidades dixitais ou ‘smart cities’ (cidades intelixentes), pero en que pode axudar a tecnoloxía a mellorar a xestión das súas cidades e o benestar dos seus habitantes?
- Outra das tecnoloxías que pode cambiar a vida dos cidadáns é a cartografía e a visualización de datos, que pode mellorar absolutamente a xestión dunha cidade ou dun territorio, conectando os datos que existen nun lugar coa toma de decisións, ou mesmo coa intelixencia artificial, como fan cidades como Nova York ou Toquio, ou institucións como a NASA. Nós temos presente no Tek a Carto, unha empresa española que nestes momentos é líder no mundo na xeración deste tipo de aplicacións. E imos empezar un proxecto coa cidade de Pontevedra para convertela dentro dun tempo nunha cidade exemplar, como xa o é urbanisticamente, na mellora da vida dos cidadáns baseándose en datos abstractos.

Imos empezar un proxecto coa cidade de Pontevedra para convertela dentro dun tempo nunha cidade exemplar, como xa o é urbanisticamente, na mellora da vida dos cidadáns baseándose en datos abstractos. 

- Ponme exemplos, por favor.
- Estamos falando de analizar datos da cidade que aínda non temos. Entón pódoche poñer exemplos de cidades como NY ou Toquio, pero aínda estamos a traballar desde 0 en colleitar os datos desta cidade, pero imaxina, en Nova York ás veces hai aglomeracións de xente, imaxina o Madison Square Garden e alí van 30.000 persoas a unha zona concreta da cidade, pois podes cambiar o sistema de semáforos, a policía municipal, canto persoal ten que haber, etc. Iso precisa un mapa de datos cartográficos en tempo real. Tardas moitísimo menos en reaccionar para evitar colapsos de xente. Iso é un exemplo. Outro exemplo moi importante tamén é que Carto ten un plan que pode comparar calquera dato que xere a túa cidade, por exemplo, consumo enerxético, con como vai afectar o cambio climático nese territorio. Polo tanto, podes investir mellor os cartos públicos para evitar catástrofes naturais. A visualización de datos e a cartografía trae moitísimas vantaxes a unha cidade.

- Con respecto á cultura, como cres que lle está a afectar a tecnoloxía? Porque se están a crear novas disciplinas que van máis alá das artes clásicas.
- Si, claro. Eu penso que cambia a maneira de traballar, cambia o resultado final, hibrídanse moito máis as disciplinas que existían antes, tamén se democratiza moito a distribución da cultura… Non sei, pode haber visións moi optimistas e outras máis pesimistas, eu son dos primeiros, e sempre me dediquei moito a isto, primeiro como gran consumidor de vídeo, de música e de literatura, e agora coa realidade virtual aparecen novas maneiras de narrar que hibridan con todas estas tecnoloxías e consiguen que se xere máis mercados e cada vez a resposta está máis en pequenas start-ups e non tanto en empresas xigantescas que xeran contidos, senón en ideas que teñen persoas en pequenos grupos de tres ou catro traballando no mesmo lugar.

As novas tecnoloxías cambian a maneira de traballar, cambia o resultado final, hibrídanse moito máis as disciplinas que existían antes, tamén se democratiza moito a distribución da cultura…

- O que si está claro é que as tecnoloxías nos levan cara a un novo mundo onde non é posible sobrevivir -profesionalmente falando- sen unha actualización e aprendizaxe constante. 
- Totalmente de acordo. A min persoalmente interésame máis ir descubrindo ferramentas tecnolóxicas para os meus proxectos, ou como facemos no Tek abrilas a outros profesionais que poden vir a favorecerse doutros profesionais máis expertos nesa materia onde poden aprender novas maneiras de traballar nestes eidos. No Tek temos un feixe de actividades nos que podes vir probar todas estas ferramentas, e poder desenvolver o teu propio proxecto.

- Outro dos retos que nos trae a tecnoloxía é un futuro no que desaparecerán os traballos repetitivos, o que vai supoñer un cambio brutal na sociedade. 
- Eu penso que onde desaparecen determinados postos de traballo nun sector, pódense crear outros moitos en cousas que igual antes non imaxinabamos que existían. Eu traballei moitos anos en Apple, e ás veces dáballes solucións aos clientes que podían poñer en perigo algún posto de traballo, e por outro lado decatábame de que se podían crear postos de traballo por outro lugar reformando un pouco o que fai a empresa. Non só cambia a maneira de traballar pola aparición dunha tecnoloxía, está a cambiar toda a sociedade e en certos sectores, a aparición de startups, con ideas novas e equipos pequenos, ao final pódense converter en empresas de 150 empregados. Creo que o verdadeiro cambio é a sociedade da información e que, por exemplo, desde Galiza poidamos xerar un produto que poida competir no mercado internacional utilizando os nosos coñecementos. Iso si que é un cambio de paradigma, penso.

Creo que o verdadeiro cambio é a sociedade da información e que, por exemplo, desde Galiza poidamos xerar un produto que poida competir no mercado internacional utilizando os nosos coñecementos. Iso si que é un cambio de paradigma, penso.

- Pero ao final, a maioría das empresas rematan indo a Silicon Valley.
- Depende de a que se dedique a empresa e de cal é o teu obxectivo final. Se ti vas alí, pero mantés postos de traballo onde naceu a empresa. Está claro que alí hai unha cantidade de investidores que poden facer que a túa empresa teña máis posibilidades. No caso da realidade virtual, eu teño un estudio que se chama Bermudas Land, e fomos moi pioneiros nisto, e nacemos con tres ou catro empresas máis en España, e algúns teñen xa 50 empregados, investimento americano, van a velocidade de vertixe… Pero nós temos outro tipo de política, facemos proxectos colaborativos, e estamos posicionando filmes nosos en festivais internacionais. Cada un ten o seu modelo, e iso é o que traemos a Tek: imos pasar unha semana facendo workshops, aprendendo, ensinando e desenvolvendo proxectos. Entón Silicon Valley está aí, pero hoxe en día con fibra óptica e coas ideas claras e rodeados de xente tan formada como temos aquí, o importante é a palabra colaboración nunha nova economía.

- Esta é a primeira edición de moitas de Tek-Fest?
- Ogallá. Eu teño un compromiso persoal para desenvolver cousas en Galiza. A miña profesional fágoa en Madrid, pero moitos trimestres veño por aquí a pensar e a facer proxectos, e agardo que Tek-Fest sexa a semente doutros que fagamos os vindeiros anos. Sería unha gran ilusión.