Non só americanos, Galiza soa a jazz

Sermos Galiza constrúe unha breve historia do jazz no país a través de conversas cos músicos pioneiros como Nani García ou Loren Tabarés
Baldo Martínez
photo_camera Baldo Martínez

Para entender a eclosión do jazz na Galiza hai que retroceder até o aperturismo que a morte de Franco estendeu a todos os eidos da sociedade e a cultura a principios dos anos 80. Até o de entón, o xénero orixinado nos Estados Unidos ao longo do século XX da colisión das culturas dos antigos escravos afroamericanos e da tradición musical europea, fervía na marxinalidade dun país que agardaba a chegada de tempos mellores.

Son dous os fitos que marcaron o afianzamento do jazz na Galiza en 1983: O nacemento da escola de jazz Baio en Vigo, primeira do país, de mans do ourensán Alberto Conde e o surximento do conxunto Clunia Jazz na Coruña; entre os seus membros, pioneiros coma o pianista Nani García ou Baldo Martínez ao contrabaixo. Dos grupos locais desa época destacan tamén o coruñés Filloa Expres e Abuña Jazz de Ourense, o único conxunto dos oitenta que inda funciona na actualidade e cuxa figura máis visible é o seu fundador Loren Tabarés, baixo eléctrico e contrabaixo.

Dous fitos marcaron o afianzamento do jazz na Galiza en 1983: o nacemento da escola de jazz Baio en Vigo, primeira do país,e a aparición do conxunto Clunia Jazz na Coruña

A historia dos conxuntos locais dos primeiros tempos, cando os músicos eran basicamente autodidactas, non pode concibirse sen o impulso dos garitos e clubes das grandes urbes galegas. Tal e como sucedera en cidades dos Estados Unidos coma Nova Orleáns e Chicago, o jazz agromou na Galiza vinculado aos ámbitos urbanos e ás subculturas. “Daquela tocar e escoitar jazz era cousa de tolos; o jazz naceu en tugurios malia o prestixio que ten agora”, afirma o xornalista coruñés Nonito Pereira que, xa no 68, inaugurara un semanario de radio emitido á media noite chamado Encuentos con el jazz. Históricos coma o Jazz Filloa na Coruña, o Café Latino de Ourense, o Dado Dadá en Compostela, o Clavicémbalo en Lugo ou o Manteca de Vigo “contribuíron a que as novas canteiras de músicos se deran a coñecer e a manter viva a chama do jazz”, expón o compositor e pianista Alberto Conde.

Tampouco se podería entender a eclosión do xénero sen os festivais que paulatinamente, dende os anos 80, foron callando en todas as urbes do país, sendo os primeiros os de Vigo e Coruña e, o de Lugo, o que leva máis tempo. A día de hoxe, todas as cidades galegas teñen cadanseu festival de jazz, malia Santiago caracterízase máis polo movemento dos bares. En palabras do pianista Nani García, “o jazz compostelán sempre foi un jazz de garitos”.

Segunda xeración, o jazz chega ás escolas

O nacemento da segunda xeración de músicos de jazz na Galiza xorde coa inauguración da Escola Estudio de Compostela por parte de Suso Atanes en 1987, da que saíron figuras cun potente empuxe internacional coma Abe Rábade, Pablo Castaño ou Víctor Prieto. “Montei a escola para que os músicos de jazz galegos puideran acadar un nivel medio-alto na súa Terra e dar o salto a Estados Unidos sen ter que pasar por Barcelona, como fixemos nós para formarnos”, aclara o seu director.

Suso Atanes: “Montei a escola para que os músicos de jazz galegos puideran acadar un nivel medio-alto na súa Terra e dar o salto a Estados Unidos sen ter que pasar por Barcelona"

Cómpre destacar tamén o Seminario Permanente de jazz de Pontevedra e a apertura do departamento de jazz no conservatorio de estudos superiores da Coruña que, nos seis anos que leva funcionando, conseguiu grandes logros coma proxectos con recoñecidos músicos do panorama internacional e premios en diferentes certames que promoveron a gravación de discos e mesmo dun DVD para a súa big band.

Non só negros e americanos, tamén da Terra

A pesar do empuxe e as oportunidades que as escolas carrexaron para as novas xeracións, tal e como reflexiona Nani García “debido á escolástica, termina por haber uns músicos e uns proxectos máis homoxéneos e estandarizados”. No entanto, o pianista destaca que “a xenialidade dun músico non nace do tecnicismo do conservatorio nin do traballo autodidacta, senón do propio individuo”.

Pola súa banda, o contrabaixista ferrolán Baldo Martínez chama a atención sobre a “cantidade e calidade” dos músicos de jazz galegos e quéixase da falta de apoio das administracións. “Non nos cremos o que temos e, en consecuencia, grandes artistas galegos teñen que emigrar para traballar fóra ou abandonan; mentres, o goberno inverte moitísimo diñeiro nunhas programacións ateigadas de músicos internacionais”, lamenta. “Aínda perdura o estereotipo de que o músico de jazz ten que ser negro e americano, cando a administración debería demostrar a calidade musical que hai na Galiza e que, ademais, ten o valor engadido de ser algo noso; en dúas entrevistas consecutivas que concedín en París, preguntáronme por que no estado español se programaba tanto jazz americano no canto do autóctono; isto demostra a falta de confianza no propio e a admiración do alleo”, resolve o histórico músico.

Segundo Nani García, cada urbe da Galiza conta cunha media de 300 seguidores habituais, “pese que en Madrid non se superan os 1.000”

Un público minoritario pero fiel

Canto ao público, o galego, a pesares de ser loxicamente minoritario, é extremadamente fiel. Segundo Nani Gacría, cada urbe da Galiza conta cunha media de 300 seguidores habituais, “pese que en Madrid non se superan os 1.000”. Para o fundador de Clunia, para que guste o jazz “ten que existir unha certa inquedanza musical”, mais non así un alto nivel cultural no ouvinte xa que “a música, a máis abstracta de todas as artes, é ante todo intuitiva”. Pola súa banda, Alberto Conde destaca “o nivel de exixencia do público galego” que “non admite concesións barateiras nin acomodamentos” e que obriga aos músicos a estaren “en constante evolución”.

Comentarios