FRANCISCO MACÍAS, EDITOR

"Non sei por que a cultura galega renunciou a un autor como Fernández Morales"

Edicións Positivas vén de publicar 'Ensayos poéticos en dialecto berciano', un dos primeiros libros en galego do Rexurdimento, asinado por un comandante do exército español, Antonio Fernández Morales, que naceu hai 200 anos en Astorga, aínda que se criou en Cacabelos. Unha xoia aínda por descubrir que agora por fin podemos atopar nas librarías. Falamos co director da editorial, Francisco Macías, un berciano que tamén se une á reivindicación deste autor esquecido pola cultura oficial. 

pacomacias
photo_camera Francisco Macías

- Positivas vén de publicar 'Ensayos poéticos en dialecto berciano', un libro que era difícil de atopar e que reivindicades como fundamental no Rexurdimento. 

- Efectivamente. Eu, como editor, tiña unha débeda con Antón Santamarina, que me dixo hai xa 27 anos "home, ti que es un tipo do Bierzo, tes que publicar a Fernández Morales". E eu, a verdade, non lle fixen moito caso. Ou máis ben ningún. Era un "atontao" que ía de moderno, e pasaron os anos e acabei dándome conta de que Santamarina ía moi por diante de min. El foi o motor desta publicación. Co paso dos anos tamén me insistiu Ferrín, Anxo Angueira e algún máis, que insistían na idea de que a cultura galega tiña unha débeda con Fernández Morales. Non só porque publicara dous anos un libro en galego antes que Rosalía. E eu, como berciano, non podía permitir que ese libro estivese case inédito. Digo case inédito porque fixo unha edición o Instituto de Estudos Bercianos, pero ten algunhas carencias, mesmo lle falta algunha páxina.

Como a un comandante do exército español se lle deu por escribir en galego? Xa hoxe sería sorprendente, hai 200 anos moito máis. 

- Dicides que é o primeiro poemario en galego do Rexurdimento, pero antes publicou Pintos 'A gaita gallega'. 

- Si, o de Pintos é de antes, pero pensado como libro dunha maneira completa e compacta, eu diría que é este de Morales, que por certo era un comandante, o cal dá que pensar. Como a un comandante do exército español se lle deu por escribir en galego? Xa hoxe sería sorprendente, hai 200 anos moito máis. E desde Positivas esta publicación ten algo de provocación porque eu creo que non se ten estudado o suficiente o ambiente que había na época. A colección Di-versos creo que tamén ten que ter estes poemarios aínda que non estean na liña que vén mantendo Positivas. En parte esta publicación é unha provocación, pois queremos tamén denunciar a falta de interese que tivo o mundo editorial galego por un autor como Morales. É difícil de entendelo, pero é así. 

- Parece que non só o mundo editorial, a historia da literatura galega non lle deu moita importancia. 

- É certo, non lle deu moita importancia e houbo algún caso como o de Carvalho Calero, que cando falou del foi para desprestixialo, co cal xa sospeito se o leron ou non o leron. E tamén a actitude esta con Morales resume a actitude histórica da cultura galega, que é repetir e repetir. Por iso, eu como editor e como berciano, tiña case a obriga de publicar este poemario. 

Queremos tamén denunciar a falta de interese que tivo o mundo editorial galego por un autor como Morales

- Tamén se sabe pouco do autor. 

- Si, hai algún traballo dun historiador berciano que se chama José Antonio Balboa, que vai descubrindo cousas pouco a pouco. Precisamente en setembro vai haber un simposio arredor do autor, e alí poderemos coñecer máis datos sobre el. 

- Cumpría unha biografía tamén, claro. 

- Si, claro, hai falta de interese sobre Morales, pero tamén sobre a propia época. Eu sigo sen atopar explicacións a ese ambiente cultural que motivou que xente como Morales publicase en galego. Eu sigo sen ver estudos que me expliquen ese ambiente. O desinterese sobre esa época provoca que haxa tamén desinterese sobre Morales. Non hai que esquecer que se están descubrindo aínda agora cousas de Rosalía. Se aínda hai cousas por descubrir de Rosalía, imaxina de Morales. 

A actitude esta con Morales resume a actitude histórica da cultura galega, que é repetir e repetir

- Neste segundo centenario do seu nacemento fixéronse actos en Cacabelos, na súa honra, o que provocou que se xuntaran de novo as organizacións defensoras do galego no Bierzo, non?

- Si, é así. Baixo o nome do Grupo As Médulas imos conseguindo facer cousas de maneira unitaria e estánse a facer máis cousas que nunca no último ano e medio. Reunímonos nas Médulas e apareceu moitísima xente. Hai un ambiente de unión e de máis cordialidade que nunca, coa intención de apoiarse uns a outros. Organizáronse unhas xornadas en Cacabelas ás que foi moita xente. Eu fun e non sei quen as organizou nin me interesa, pero vese que hai vontade de traballar polo idioma e nada máis, esa é a miña impresión. 

- Cres que sería positivo que a RAG o escollese para celebrar o Día das Letras para reactivar esta loita a prol da lingua, como aconteceu con Sarmiento en 2002?

- Claro, sería moi positivo. Hai un número de falantes importante aínda e creo que a elección de Morales podería supoñer a recuperación dun concepto, o da galeguidade. Vimos do País Vasco e alí din que Euskal Herria é o territorio onde se fala vasco. Pois a galeguidade debería ter esa amplitude. E nese sentido sería moi útil, porque os falantes de fóra da Galiza administrativa están completamente descoidados. 

Hai un número de falantes importante aínda e creo que a elección de Morales [para o Día das Letras] podería supoñer a recuperación dun concepto, o da galeguidade. 

- Dicíanos Héctor Silveiro, outro histórico da reivindicación do galego no Bierzo, hai pouco que a idea é que "Morales deixe de estar na marxinalidade e pase a formar parte da cultura galega". Ti que opinas?

- Que si, claro, que por iso publicamos o libro, porque queremos que Morales sexa reivindicado por toda a cultura galega. E ten moita máis calidade do que algúns lectores preguiceiros din. Non é só por ser o primeiro libro concibido como tal, Morales ten moi bos poemas. É un bo poemario, aínda que sexa moi rural e ás veces moi costumista. E non sei por que a cultura galega renunciou a un autor como Morales. Hai que reivindicalo, tamén nestes novos tempos nos que temos que replantexalo todo. Non podemos estar sempre igual coa Xeración Nós, sempre co mesmo. Os puntos de vista cambiaron e hai que pensar tamén noutra xente distinta das que nos repiten constantemente. 

Comentarios