Non é país para cines: Galiza perdeu un terzo das súas salas na última década

Un sector que leva anos en crise mais que intenta reaxir. De 2003 a 2013 Galiza pasou de ter 56 cines a posuír 38. Dez anos nos que o número de espectador@s caeu nun 50%.

butacas-cine

Piratería, suba do IVE, novos e máis baratos formatos para ver cinema en casa... son algunhas das causas que se sinalan para intentar explicar a lenta depauperación do cine en Galiza canto a salas e espectadores. En 2003 había na Galiza 56 cines, onde se exhibiron 502 longamentraxes, segundo dados do Instituto de Cinematografía e das Artes Auiovisuais. Dez anos despois, en 2013, xa só ficaban no país 38 salas, 18 menos. Un terzo de locais perdidos en dez anos. Unha etapa na que mesmo cidades como Pontevedra ficaban sen nin sequera unha sala para poder ver cinema en pantalla grande. En 2003 había 193 salas de exhibición, dez anos despois, 184.

Non todo é negro: resisten cineclubes e xorden experiencias novidosas e a ter en conta como Numax en Compostela

Segundo un informe da Federación de Cineclubes de Galiza, desde o inicio da crise (2008) até 2012 Galiza perdeu 349.000 espectadoras e espectadores. No mesmo periodo o prezo das entradas aumentara nun 17 por cento. Naquela altura, sinalaba este organismo nun documento, “a diferenza doutras partes do Estado español, as administracións públicas competentes, non teñen definida a súa política audiovisual en materia de exhibición do cine, como elemento cultural, ou de distribución de filmografías”.

Segundo recolle o Instituto Galego de Estatística, a recadación dos cines en Galiza era de 24,6 millóns de euros en 2003, mentres que en 2013 esa cifra reduciuse a 19,8 millóns. Maior foi a queda en espectadores: 5,6 millóns nos doce meses de 2003 e menos de tres millóns en 2013. No Estado español nese mesmo perído pasouse dos 137 millóns de espectadores en 2003 a menos de 79 millóns o ano pasado. A recadación pasou de 640 millóns de euros a 506 millóns.

Comentarios