A filóloga Rosario Álvarez, nova presidenta da institución

“Non é a misión do Consello da Cultura dar receitas máxicas improvisadas”

A filóloga Rosario Álvarez é a sexta presidenta do Consello da Cultura Galega. A primeira muller. Esta semana tomou posesión do máximo cargo do órgano estatutario e, nun encontro coa prensa esta quinta feira, expuxo as liñas centrais do que será o seu mandato. “Non é a misión do Consello da Cultura dar receitas máxicas improvisadas”, dixo, “se non convocar os que saben, analizar, propor e asesorar”.
 

nova presidenta do Consello da Cultura
photo_camera A nova executiva do Consello da Cultura Galega. De esquerda a dereita, Dolores Vilavedra, a presidenta Rosario Álvarez, Xosé Manuel Núñez Seixas e María Xosé Porteiro. Foto: Consello da Cultura Galega.

Álvarez, tamén membro numerario da Real Academia Galega e directora do Instituto da Lingua Galega (ILG) entre 2005 e 2013, abriu a súa intervención asegurando que “hoxe é o primeiro día dunha nova etapa”. A preocupación polas mudanzas tecnolóxicas e o seu impacto na cultura, a querenza pola integración do que chamou cultura humanística e a cultura científica, e as ansias de contribuír á “internacionalización” da cultura serán os eixos básicos.

“Continuidade pero non continuísmo”, dixo en referencia ao seu antecesor, o historiador Ramón Villares que estivo 12 anos no cargo. A nova presidenta da institución falou dun país ao que se referiu como “a Galiza global”, en que cómpre ter en conta “a Galiza do exilio e da emigración, tamén os novos emigrados que fan cultura desde Barcelona, Nova York e Londres”. “As fronteiras xa non son o que eran”, engadiu.

A súa ollada inclúe, ademais e moi en liña coas teses defendidas durante o goberno de Villares, o ensanchamento da cultura galega alén do propio territorio. “Os países de acollida de emigración e de exilio, os países de lingua portuguesa cos que a intercomprensión idiomática facilita o contacto, o europeísmo natural e a posición atlántica” constitúen as vías que percibe para realizar a tarefa da internacionalización.

Preocupada pola “igualdade democrática” no acceso á cultura e a “non discriminación” por causa de xénero, idade, territorio ou hábitat, Rosario Álvarez esforzouse en lembrar que entre as funcións do Consello da Cultura non se atopa a de executar políticas culturais. Elaborar informes e análises de asesoramento e pensar a medio e longo prazo —“sobre a Galiza de hoxe e e sobre a Galiza de mañá”, afirmou a membro da executiva Dolores Vilavedra— é o terreo propio da institución.

Talvez por iso Álvarez non quixo valorar a inexistencia, feito único entre as que a Constitución nomea “nacionalidades históricas”, da Consellaría de Cultura, suprimida en 2012 por Núñez Feixóo. “Debemos xulgar os feitos e non as etiquetas, se a acción de goberno é a axeitada. Non valoramos outras cousas”, explicou.

Na executiva designada pola nova presidenta, e que a acompañaron no seu encontro cos medios de comunicación, figuran a xornalista e escritora María Xosé Porteiro, a profesora e crítica literaria Dolores Vilavedra e o historiador Xosé Manuel Núñez Seixas. Un equipo reducido —por estatutos, podería ser de ate sete persoas— para un relevo que, expuxo Álvarez, “non se dá nunha situación de crise ou de desánimo”.

“O reto é que me toca dirixir a institución cando ía en dirección ascendente. O reto é que non se pare e continúe nese camiño”, concluíu.

Comentarios