A Costa das Mulleres

Non hai Penélopes no rural

A imaxe da Penélope que tece e destece a súa tea agardando incansábel polo seu esposo dificilmente se axeita á realidade que por moito tempo transmitiu a representación tradicional da muller mariñeira e rural. O documental A Costa das Mulleres desmitifica esta visión ofrecendo testemuños da vida e o traballo femininos.

muller rural
photo_camera muller rural

O proxecto audiovisual A Costa das Mulleres foi presentado a terza feira 15 de outubro na Casa da Cultura do Concello de Vimianzo, celebrando o Día Internacional da Muller Rural. O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Costa da Morte está detrás desta iniciativa, desenvolvida a través dunha axuda concedida pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) para actividades de igualdade e loita contra a violencia xénero. Como indica Jose Antonio Vila García, xerente da institución, trátase de “pór en valor o que fixo e fai a muller”, desde os diferentes sectores, achegando unha perspectiva positiva que se distancie das imaxes negativas que normalmente acompañan esta sorte de campañas.

As protagonistas

Oito pezas de curta duración recollen os testemuños de nove bravas dos 17 concellos da comarca. “Eu ía ao mar coma os homes, toda a miña vida foi traballar coma unha negra”, di Josefa Carrera, de Muxía, quen tamén lembra momentos críticos como o Prestige, dos que elas tamén formaron parte. Entre as entrevistadas, de idades e perfís moi diferentes, as máis novas tamén atopan o seu lugar. Lucía e Lilian Quintela, de Carnota, inciden sobre o papel da muller deportista. Estas irmás, as únicas rapazas da súa clase que xogan ao fútbol, fan un chamamento ás demais a que se animen a practicar esta actividade.

Florentina Atán, de Mazaricos, tamén estaba soa na profesión de taxista: “Non me aceptaban ben os compañeiros, e eu tamén me atopaba fóra de lugar”. A gandeira Dorinda Moledo, de Dumbría, localiza a diferente educación de homes e mulleres como causa das divisións do traballo por xénero, pero “non porque as mulleres non se defendan igual”. Por iso, Isabel Tomé, mestra natural de Cee, incorpora a igualdade nas súas aulas, “se o que fas aquí en cinco horas se desfai despois fóra, é un traballo que vai levar moito tempo”.

A Costa das Mulleres

Carmen Riveiro, de Zas, artesá de liño, reivindica unha profesión propia das mulleres, levada ao territorio dos labores non remunerados. Do mesmo xeito, o sector tradicionalmente feminizado dos coidados atópase representado por Loli Fernández, de Carballo, quen comenta as dificultades da conciliación, e Teresa Ferreira, de Vimianzo, quen considera fundamental “termos unha boa formación detrás para nos sentir máis seguras”.

Futuro

O contido quedará axiña en aberto, difundido principalmente a través das redes sociais, a disposición de quen queira empregalo para partillar ou celebrar o papel activo das mulleres no desenvolvemento social e económico. Como di Carmen Riveiro, de Zas, “aínda se ten que avanzar un pouco máis”. Pablo Cacheda, realizador do proxecto, recalcou neste senso a “importancia de facer chegar á xente mais nova este recurso audiovisual”. Darlle uso está agora nas nosas mans.

Comentarios