ENTREVISTAMOS JASPER, VOCALISTA E COMPOSITOR DE NAO

"Se nos despedimos non é para volver, a nosa intención é que Nao remate para sempre"

Pablo Carracedo (A Estrada, 1979), coñecido no mundiño da música como Jasper, está a piques de pechar para sempre un capítulo importante da súa vida, o de alma mater da banda de rock metal Nao. O grupo desaparecerá este sábado, após un concerto ás 20.30 horas no recinto feiral de Amio de Compostela, logo de máis dunha década sacudindo cabezas cos seus ritmos e as súas letras, tanto no sentido literal como no metafórico.  
O músico Jasper.
photo_camera Jasper, durante un concerto da xira de despedida (Nao)

O 5 de decembro comezaba para Nao unha viaxe con data de caducidade de 367 días, desde o 5 de decembro de 2018 até o sábado 7 de decembro de 2019. Toca dicir "adeus e grazas", e Nao farao cun concerto de despedida ás 20.30 horas no Polígono de Amio de Compostela, no que Pablo Caracedo Jasper e a súa banda estarán acompañados das mellores bandas do panorama galego e euskaldún: SonDaRúa, Rebeliom e Odolarem Mintzoa.

Nese concerto de despedida, está previsto que repasen toda a súa discografía. Preparan algunha sorpresa máis?

Si, vai haber  Queríamos que a despedida fose algo inesquecíbel para nós e para a xente, e agardamos que así sexa.  

Como transcorreron este ano e dous días para Nao e para vostede?

Foi un soño feito realidade, porque moitas veces tes a ilusión, e a intención, de que as cousas acontezan como un as pensa, e como quere despedirse unha banda? Unha banda quere despedirse co seu mellor disco, quere despedirse nunha xira enorme á que vai moitísima xente a vela, e nós fomos quen de conseguilo. Conseguimos que o derradeiro álbum fose un disco que recibiu a maior parte da crítica como o mellor disco da banda; conseguimos facer unha xira de 44 concertos nos que tivemos cheos na maioría; vimos de ser o grupo galego que actuou en máis festivais este verán... Todo foi un auténtico soño feito realidade, tamén o feito de ter esta gran despedida final por canto recuncho había no país, aumentando a familia e podéndonos recoñecer nesta enorme tribo que formamos Nao.

Fala de que este tempo foi un soño, arrepíntese de poñer data límite para esta xira? Non sente que quedan algúns concertos máis no seu interior?

Ao mellor pode quedarnos mágoa de non ter feito unha xira en acústico, que o temos pensado, levar os temas de Nao cara un son máis brando, ou cara dinámicas diferentes. Nisto si que nos pode quedar unha espiña cravada, mais a pesar disto estamos súper satisfeitos de ter feito unha xira longuísima, na que practicamente percorremos todas as salas do país. Xa que logo, marchamos satisfeitos plenamente.

Percorreron practicamente toda Galiza sen case deixar nin un recuncho por tocar. O feito de comezar e rematar esta xira de despedida en Compostela, a que obedece?

É por ser a capital. Queriamos comezar a xira grande alí, na Capitol, e queriamos rematar tamén en Compostela, o que pasa e que Capitol quedaba pequena para a despedida, e decidimos facelo ao grande alugando Amio, cun escenario enorme, con moitísimas colaboracións, e dándolle un concerto de despedida á xente que fose inesquecíbel. Temos uns recordos marabillosos de todos os concertos que fixemos, especialmente dos de Compostela, pero neste caso queríamos facer un concerto máis grande, de máis entidade. 

Sen intención de cuestionar a súa integridade, mais na súa industria o lema é “nunca digas nunca” e as retiradas -case- nunca son definitivas. Canto tempo tardaremos en volver ver Nao sobre os escenarios? 

Se nos despedimos non é para volver, a nosa intención é que NAO remate, e remate para sempre, mais non pechamos esa porta tampouco, pois non sabemos o que nos deparará o futuro. A experiencia dinos que é complexo regresar para unha banda cando se deixa durante un tempo. Nós, no noso caso, non estamos considerando unha volta, senón non o deixaríamos.

Dicía nunha entrevista a Sermos Galiza de hai un ano que non ía deixar a música, pero que aínda non tiña plans. Transcorrido todo este tempo, xa sabe que lle deparará o futuro a Jasper? Ou sería mellor dicir a Pablo Carracedo?

Primeiro descansar, que boa falta me fai (ri) porque esta xira tivo un desgaste persoal moi potente. De todos os xeitos, estou co ánimo cheo, e eu a música nunca a deixarei. Non teño nada definido de cara ao futuro, mais teño cancións feitas que me gustaría interpretar. Como e cando as levarei a cabo? Non o sei, mais logo de descansar algo faremos, a música está claro que non a vou deixar nunca. Todos somos músicos e, en maior ou menor medida, con maior proxección pública ou menos, seguiremos tocando, cada un pola súa conta, estaremos aí sempre.

Cando falo cunha banda de música, a maioría adoita dicir que responder á cuestión que lle vou facer a continuación é como preguntarlle a un neno a quen quere máis, se a papá ou a mamá. Vostede xa o deixou claro na primeira pregunta, resaltando o seu último traballo, mais, facendo un exercicio de retrospectiva, por que cre que é o seu álbum máis redondo, o máis completo, o mellor?

Eu considero que hai tres discos que marcaron a traxectoria de Nao. Un, o primeiro  longo, As palabras espidas, que foi o disco carta de presentación, gravado nun gran estudo cun produtor brutal que nos presentou diante da escena galega. “Mirade, isto é Nao, isto é o que facemos e isto é o que cantamos, esta é a música que nos gusta”, dixemos con ese álbum. O segundo disco que foi importante na nosa traxectoria, e que foi tamén un punto de inflexión, foi Cancións de amor e liberdade. Era un disco que fixemos cando o grupo non funcionaba, e comezaba a cantar eu. Aínda non gravaramos un disco cantando eu, e queríamos facer un álbum case de despedida, poñéndolle o máximo que podiamos, por iso fomos a un estudo do Carballiño a gravar nove meses. Alí intentamos explotar ao máximo a nosa creatividade. Por que o fixemos así? Foi coa intención de dicir “ou agora funciona, ou retirámonos, mais marchando tranquilos sabendo que puxemos o noso corazón e a nosa alma nel”. Resultou que ese disco foi o que funcionou, tanto que supuxo un punto de inflexión na nosa carreira, pois fixo que a xente comezara a ir aos concertos a cantar as cancións, e que non viñeran catro ou cinco, senón milleiros. E o derradeiro álbum é o disco definitivo, o que axunta toda a experiencia pasada e no que tivemos a sorte de ser quen de transmitir a nivel musical e a nivel das letras todo o que é a esencia de Nao en estado puro. Entón, hai cancións duras, con moita crítica; hai cancións máis brandas; hai cancións moi emotivas... hai moitos tipos distintos de son, e penso que este é un álbum que repasa os distintos tipos de estilos que foi facendo Nao ao longo destes anos, e que acabou sendo redondo. Se podo falar dun disco que acabou sendo redondo, é precisamente este.

A súa irrupción no mundo da música galega conectou coa lingua e a música do país parte dunha xeración de rapaces que non tiña referentes no seu idioma de propostas musicais máis próximas aos seus gustos, como a súa, non tan ligadas ao galego tradicionalmente como outro tipo de xéneros, por exemplo o folk. A súa desaparición déixaos orfos, ou hai un relevo xeracional?

Eu agardo que haxa un relevo xeracional. Nós temos claro que a sorte que tivemos, e o éxito entre comiñas de Nao, foi que houbo unha xeración de xente que viu en nós un grupo que quería ver, que dixo “eu entendo que fai esta xente, quería que houbera un grupo que fixera esta música e que cantara isto”. Nós neste sentido non entendemos que haxa grupos que sexan exactamente iguais que nós, penso que todos son diferentes e con matices. Mais agardo que detrás veñan bandas que ocupen este espazo, loxicamente. Porque o público o demandará.  

Hai algunha banda que poidan destacar como os seus herdeiros?

Non (Rí). Podería ser ben queda, mais non o vou ser. Eu considero que cada un aquí ten propostas similares pero ningunha ten o patriotismo que ten Nao, ningunha se molla como nós mollamos nós. Iso si que é algo que penso que a xente valorou moito. A nivel musical hai moitas propostas similares, como pode ser Machina, que seica volven, e que se acercan máis ao noso estilo musical, mais logo no tema ideolóxico son moi diferentes a nós. E aínda que compartimos moitas cousas en común, penso que como Nao non che hai, non hai ningunha banda que sexa como Nao.

Despois de Nao, o caos?
"Espero que non, espero que haxa bandas que xurdan e que dean o relevo. Tempo atrás coincidimos cunha banda de rock duro tamén, bastante similar ao noso, Nuada, que están empezando e que acaban de sacar unha maqueta... Gústanme moito. De todos os xeitos, a moda para as novas xeracións agora está no electrónico. Nós respectamos iso, loxicamente, temos un gusto moi aberto, pero realmente a nós gustaríanos que os artistas transmitan ideoloxía, e realmente os artistas que nos interesan son os que intentan facer cancións para intentar mellorar este mundo, non para cantar pallasadas. Entón, neste sentido si que vemos que hai un espazo que vamos deixar baleiro. Agardamos que os grupos de rock que veñen detrás, como este Nuada que acabo de citar, collan o relevo da banda".

Comentarios