FRANCISCO RODRÍGUEZ, POLÍTICO, ESCRITOR E SOCIOLINGÜISTA

“Non esperaba unha evolución política destas características”

Laiovento vén de publicar a quinta edición de ‘Conflito lingüístico e ideoloxía na Galiza’, de Francisco Rodríguez, un libro fundamental na historia moderna do galego e unha peza clave na sociolingüística do noso país. Nesta entrevista o autor reflexiona sobre a evolución do problema desde que se publicara en 1976.

FranciscoRodriguez-por-EduardoCastroBal-2015-04-2
photo_camera Francisco Rodriguez [Foto: Eduardo Castro Bal]

– Corenta anos despois da primeira edición, na que falaba de futuro “desesperanzador”, agardaba naquel momento que a caída de falantes fose tan rápida?
- Teño unha visión filosoficamente materialista do problema da lingua. Para mellor nos entender, social, económica, política, cultural e ideolóxica, que remite sempre ao problema de quen domina e quen é dominado. Para mellor o entender, remite ao problema da desigualdade que establecen as relacións xerarquizadas do imperialismo. Se as condicións do dominio non mudann, e non hai elementos políticos, ideolóxicos e culturais, que o palíen (por exemplo, o sistema educativo ou os medios de comunicación...), a evolución ten que ser negativa contra o galego e a cada paso máis acelerada, pois os instrumentos de dominio e asimilación son máis intensos. Isto foi o que aconteceu nestes corenta anos.

– Hai algunhas características da evolución do conflito que lle sorprenderan e que non prevera en 1976?
- Non esperaba unha evolución política destas características nin a nivel mundial nin a nivel estatal. Nunca tiven unha visión idílica e de progreso continuo na historia. Porén, confeso que o caos, a confusión e a eficacia tan radical en eliminar o país, Galiza, como referencia, non o vía deste xeito, tal e como se está dando… Claro que todo pode mudar, tamén noutra dirección, e hai que laborar e contribuír a que así sexa…

Confeso que o caos, a confusión e a eficacia tan radical en eliminar o país, Galiza, como referencia, non o vía deste xeito, tal e como se está dando… 

–    En 1976 dicía “as posibilidades de recuperación para a língua própria son moitas, mentres o contexto xeral sexa galego-falante, como é o que os rodea”. En 40 anos o devalo da lingua foi espectacular. Que posibilidades cre que temos agora de recuperación?
-Efectivamente en 1976, era posíbel unha política de normalización de usos do galego, contando cun poder político democrático, e mesmo sen el, que tiña unha perspectiva moi favorábel, sobre todo na mocidade, que enganchaba coa lingua como un elemento referencial, de identidade, mesmo contestataria… De feito, houbo unha parcial galeguización do sistema educativo, sobre todo, o ensino secundario, sen a menor cobertura legal, e contra a legalidade, como o galego apareceu en usos sociais dos que estaba expulso: vida universitaria, asembleas de traballadores, timidamente na Igrexa, o mundo da canción.....Todo este movemento non foi impulsado a partir de 1977, senón que foi hostilizado e agredido, deseñándose unha política lingüística moi desfavorábel para combater o dominio do castelán sobre o galego e garantir os dereitos lingüísticos dos galegofalantes… é dicir, o que podían ser paliativos moi importantes, perante procesos de reforzamento do deseño imperialista no ámbito económico e ideolóxico, foron desbotados… Así o devalar non podía ser outro que o que foi… Agora a recuperación é máis difícil, pero non imposíbel… Claro que pende de o poder político asumir deseños noutra orientación, a da restauración de usos, empregando todos os instrumentos legais, desda a escola até os medios de comunicación públicos, e mantendo unha actitude legal rigorosa que permita desenvolver a vida en galego na Galiza… Urxe unha perspectiva ideolóxica que vaia deixando claro que cómpre  invertir a negativa evolución demográfica, económica e social de Galiza e que o idioma galego forma parte vital desta reorientación do pobo galego, na dirección de responsabilizarse de si mesmo.

– Daquela expresaba as súas dúbidas verbo da opción reintegracionista porque “non soluciona os nosos problemas culturais como pobo”. Hoxe esa opción reforzouse cos anos e mesmo medran as persoas que usan o padrón portugués. Que opina?
- O galego e o portugués son o mesmo idioma. Así o deixei claro tamén no ‘Conflito lingüístico’. Fixen unha crítica das teses de Rodrígues Lapa no aspecto de me pareceren elitistas e parciais pois só contemplaba a cuestión cultural de minorías, alén de identificar as formas galegas máis xenuínas, a fala galega, co mundo rural, atrasado, o que é unha confusión entre formas lingüísticas e connotacións máis que discutíbel… Hoxe a alternativa reintegracionista, como a oficial, e por suposto a de escribir en padrón portugués, atinxen a unha minoría da poboación. A maioría está no español e no inglés, por desgraza. Polo tanto, o problema está no retroceso de usos e na minorización e anulación, oralmente e por escrito, do galego da vida social na Galiza… Teño claro que debemos ir a unha certa homologación, toda a que for posíbel na normativa, mesmo non desboto a lexitimidade de escribir no padrón portugués, mais isto non é a solución social do problema… Por certo, resúltame incomprensíbel que se teña optado por unha materia residual de portugués no ensino, no canto de contemplar galego e portugués como unha materia troncal única, e apostar por o ensino ter como lingua vehícular a nosa lingua. 

O máis grave é que a campaña contra o noso idioma deu un salto cualitativo nos dez últimos anos no terreo ideolóxico, coa teoría oficial da súa imposición e  coa tese de que non é a lingua propia de Galiza

– Daquela criticou o “Informe -dramático- sobre la lengua gallega” de Alonso Montero pola súa “falta de rigor científico”. Hoxe é o presidente da RAG. Como cre que foi a súa evolución a respecto do problema?
- Que presida a Real Academia Galega alguén que non fixo máis que crear confusión, en momentos nos que comezaba a andaina de restauración de usos do galego contra vento e marea, e quen facía ostentación e xustificación do uso do español como natural na intelectualidade, sen mudar substancialmente para nada, a non ser o uso continuo da enxurrada demagóxica, é un sintoma moi clarificador de quen controlou e controla as institucións oficiais e oficialistas e ao servizo de que. Desde logo, a Xunta pode vivir feliz así. Hai persoas que teñen a súa cabeza posta na política madrileña, non hai máis que ver cais son as súas preocupacións, lendo o que escriben no xornal…

– Fala de que a minoría defensora do galego estivo anestesiada. Por que cre que aconteceu isto?
- Falo de que a anestesia chegou, desde o fraguismo, de forma progresiva, tamén a atinxir a minoría máis consciente… Máis foi esa minoría a que respondeu sempre en defensa do idioma contra todo tipo de agresións que padecía e padece, que é unha agresión aos dereitos humanos máis elementares. Por certo, é  rechamante e positiva, a capacidade mobilizadora para protestar contra a política lingüística oficial, que A Mesa ou Queremos Galego tiveron e teñen como defensa dos nosos dereitos colectivos… O máis grave é que a campaña contra o noso idioma deu un salto cualitativo nos dez últimos anos no terreo ideolóxico, coa teoría oficial da súa imposición e  coa tese de que non é a lingua propia de Galiza, argumentando que tamén o é o español… Houbo, pois, un asalto ideolóxico inusitado, acompañado de retrocesos legais no sistema educativo, nos medios de comunicación e, por suposto, máis dicicultades no mundo laboral, empresarial ou da xustiza, convertida mesmo moitas veces, nunha arma de interpretación represiva que anula calquera atisbo de potencial amparo ao galego…

Coido que, por desgraza, retomar calquera política real de recuperación de falantes, vai estar inzada de inevitábeis debates ideolóxicos e políticos

– Atopa algo positivo nas políticas lingüísticas levadas adiante polos respectivos gobernos nos últimos 30 anos?
- O único positivo, malia fose moi cativo e medido, foi a periodo do bipartito, especialmente porque había disposición a aplicar un deseño que comezase co ensino infantil nas grandes urbes, e por suposto, mellorar sensibelmente a situación no ensino primario e secundario… A reacción foi visceral por parte de  todos os aparatos mediáticos do Estado español, incluídos os internos,  e contaminou gravemente a amplos sectores, tan fráxeis como indefensos, na nosa sociedade.

– Di que estamos diante dunha nova fase do conflito lingüístico, onde a confrontación ideolóxica e política é “a cada paso máis inevitábel e necesaria”. Cal cre que son os pasos que habería que dar neste sentido para atallar o acelerado descenso de falantes?
- Coido que, por desgraza, retomar calquera política real de recuperación de falantes, vai estar inzada de inevitábeis debates ideolóxicos e políticos, porque a maioría xa o vive como unha cuestión de se somos galegos ou españois. A cuestión vai ser como lograr que, asumindo este debate, non quede todo condicionado, determinado, por el. Temos que lograr que a política lingüística a favor do galego represente  unha vinculación coa realidade propia, perspectiva do mundo e horizonte de  futuro para Galiza. Debemos lograr que se vexa o galego como  un instrumento útil e necesario para a vida social, de comunicación e de traballo en todas as ordes, e demandar as condicións necesarias para que poida ser así… Contar cunha base social nesta orientación é fundamental…

– Pilar García Negro di que é o “gran libro da sociolingüística moderna”. Que outras obras considera de referencia para entender a evolución do conflito?
- Non me dediquei a analizar a situación lingüística co tempo, a extensión e a intensidade que sería necesario ao longo destes corenta anos. Outras necesidades orientaron a miña vida intelectual, moi condicionada pola voráxine política que vivín. Porén, houbo continuadores que ilustraron ben o que estaba a pasar e o que facer. Pilar García Negro, Xosé Ramén Freixeiro Mato e Carlos Callón teñen análises moi acertadas e úteis. Hai moitos traballos de campo, vinculados a institucións académicas, que teñen interese polos dados que fornecen.

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

comentarios