XOSé DíAZ

“Debémoslle a Rafael Dieste outra lectura da súa obra”

Entrevistamos o autor de ‘Dos arquivos xeométricos. Razón e realidade no pensamento de Rafael Dieste’ (Axóuxere) , obra que convida a deitar unha mirada nova, orixinal e necesaria sobre un escritor que, como afirma o propio Díaz, “era un pensador de primeira liña”, algo que facía mirando “desde as marxes”. 

xose diaz

"De neno eu tiña a tendencia a crelo todo, cousa que me parece un método lóxico extraordinario”. Rafael Dieste (Rianxo, 1899-Compostela, 1981)

A editorial rianxeira Axóuxere vén de publicar ‘Dos arquivos xeométricos. Razón e realidade no pensamento de Rafael Dieste’, unha obra de Xosé Díaz (Lugo, 1980) nada da súa tese de doutoramento, centrada en Dieste (1899-1981) e a xeometría, unha relación tan descoñecida como enriquecedora.

- A pregunta xa a puxo riba da mesa García Armesto en 1968: “Por que sendo ante todo un poeta -en prosa, en verso, en diálogo dramático, tanto ten: un poeta- a Rafael Dieste lle preocupan as matemáticas?”.

- As matemáticas aparecen para el como unha linguaxe, como un medio co que resolver problemas e propoñer cuestións. Son un pretexto, tamén, para pensar e discutir. Desde logo, Rafael Dieste non chega ás matemáticas como un xeómetra puro, faino achegando outra mirada.

- O libro ten orixe na súa tese, onde defende que os ‘tratados xeométricos’ de Dieste son en certa forma unha escusa para acabar abordando outras cuestións tamén desde a filosofía

- Rafael Dieste fala do mesmo desde diferentes perspectivas nun pulo por intentar tocar a verdade. Como poeta el non fai poesía por puro formalismo, senón que fai poesía para ir até a raíz. E a xeometría vai ás mesmas cousas. Hai, por dicilo así, dous parámetros que se poden perciber na súa obra: unha discusión filosófica do que é o espazo e unha discusión filosófica do que é o tempo. E ambas as dúas abórdaas desde miradas diferentes, ora a literaria, ora a matemática. Mais é volver sobre os seus lugares comúns, os que sempre lle interesaron e atraeron.

“No exilio é ando se centra máis no problema xeométrico, mais as matemáticas atravesan toda a súa vida, están presentes ao longo de toda ela”

- Mais como se fraguou en Dieste esa relación coas matemáticas?

- No exilio é ando se centra máis no problema xeométrico, mais as matemáticas atravesan toda a súa vida, están presentes ao longo dela. Un exemplo atopámolo no seu epistolario de cando novo, con cartas que se cruzaba cos seus irmáns e nas que se propuñan adiviñas, problemas a resolver, xogos... Iso mantívose cos anos. Aí están as cartas que se intercambiaban Díaz Pardo e el con problemas matemáticos para solucionar. Na década dos 20 mesmo tratou de preparar oposicións para o corpo estatístico do Estado, polo que, como se ve, as matemáticas non eran descoñecidas nin alleas para el. De neno xa debatían Manoel Antonio e el sobre cuestións do universo, e Rafael estaba ao tanto das últimas interpretacións.

- Pódese falar dun ‘discurso propio’ do rianxeiro no campo das matemáticas?

- Desde un punto de vista exclusivamente matemático, o discurso (por empregar a túa propia definición) xeométrico de Rafael Dieste equivócase. Mais o interesante dos seus tratados xeométricos non é iso, senón que en paralelo el desenvolve un discurso máis rico, máis amplo e ambicioso, Dieste vai a través deles pola filosofía, pola indagación...A lectura que se lle aplicou aos seus tratados no seu momento foi exclusivamente xeométrica, e iso supón facer a lectura dun tratado equivocado. A acollida a esa obra foi escasa e non moi receptiva, precisamente porque se fixo unha lectura dos mesmos só desde esa lectura xeométrica. E hai unha lectura pendente de facer, a outra, a que convido con este libro a realizar. Cómpre facer xustiza a eses textos de Rafael Dieste. Debémoslle a Dieste o facer outra lectura da súa obra, que non quer dicir facer unha lectura contraria.

- Afirmas que a mirada que el ten sobre as matemáticas non é unha mirada exclusivamente racional, senón que lle serve para o que denominas “a razón poética”.

- O matemático parte desde unha serie de principios, axiomas, para a partir de aí deducir e achegarse á realidade. Mais tamén se poden cuestionar eses axiomas. Dieste o que fai é unha defensa do axioma en tanto unha vía para ir chegando á realidade, non como algo porque si, e nesa idea para el o xeómetra ten que ter algo de adiviño, de vaticinador. No fondo, todas as cuestións que lle preocupan lévano ao mesmo punto. Os seus tratados sobre xeometría amosan unha concepción racional e poética, o xeómetra é, asemade, un poeta. El é un disidente intelectual, unha mirada que se encontra en todo o que fai.

- Coñecer este Dieste conleva unha lectura diferente e nova da súa obra?

Espero que si. Coñecer este Rafael Dieste danos unha atención nova para lelo e para pensalo: que o xeómetra a o poeta están moi próximos, non son antagónicos nin personaxes afastados. Desde aí si que creo que se pode facer unha nova lectura.

- Non hai moitos exemplos na literatura galega dunha relación deste tipo entre o ‘dominio racional’ e o ’dominio imaxinario’.

De forma tan explícita non, desde logo. A súa posición é única e orixinal, pois artella dous niveis, o racional e o imaxinativo, desde as matemáticas. Mais aínda que non o fixese desde as matemáticas, sería algo orixinal, que podería conectar a Dieste con María Zambrano ou tamén Xavier Zubiri. Foi unha tarefa solitaria en grande medida, se ben resúltame difícil pensar que estes temas non foran debatidos con outros intelectuais en tertulias ou nos contactos que mantiñan.

‘’A visión que de Rafael Dieste se dá na literatura galega é pobre e limitada”

- A obra publícase nunha pequena editora independente, Axóuxere.

Atopei moito interese neles polo libro e tratáronme de marabilla. Foron moi coidadosos coa edición, unha edición que remarca a propia obra, fiquei moi contento. Axóuxere, ademais, ten un catálogo máis que interesante.

- Con este libro agrándase o campo para comprender a Dieste, unha figura non sempre ben entendida ou explicada pola literatura galega...

Rafael Dieste é moito máis que o autor de ‘Os Arquivos do Trasno’ ou ‘A Fiestra Valdeira’, que non son pouco. Nas marxes disto hai un intelectual, un pensador de primeira liña. Eu animo á xente a que se achegue ao Dieste máis amplo, porque a visión que hai del é limitada e pobre. Pódese dicir que é en gran medida el é un gran descoñecido Un máis, por outra parte.

- Roberto Bolaño sitúa na segunda parte -‘La parte de Amalfitano’ - do seu ‘2666’, o ‘Testamento Xeométrico’ de Dieste como un elemento nada menor do relato. Como chega o chileno a Dieste?

- Bolaño deixa claro que tivo o libro. Encantaríame saber como chegou a coñecer del, a verdade. A propia portada do libro que publicamos en Axóruxere é unha homenaxe a esa referencia a Dieste no libro do escritor chileno.

Comentarios