“Os nomes negados”, a reivindicación artística de se chamar na nosa lingua

“Os Nomes Negados” é o título da exposición que este sábado se inaugura na Fundación Manuel María. O autor, Gonzalo da Ulloa, parte dunha historia persoal para reivindicar o dereito a se chamar na propia lingua. 

Casa Manuel María
photo_camera Casa Manuel María

A biblioteca da Casa de Hortas de Outeiro de Rei abre este sábado a exposición O Nomes Negados. Laio na desfeita pola perda dos nomes galegos, unha reflexión plástica sobre o proceso de perda e substitución dos nomes propios galegos. O autor, Gonzalo Montes Somoza, “O Gonzalo da Ulloa”, partiu da historia de seu propio pai, Antón de Bispo para reflexionar sobre a eliminación dos nomes na nosa lingua nun proceso que, segundo defende, é preciso parar. 

Unha pintura acrílica sobre táboa, un tríptico sobre lenzo e unha maleta con vitrina que mostra a documentación da chamada Casa do Bispo ademais dunha ducia de caligrafías acrílicas compoñen a mostra que se pode visitar na Casa-Museo Manuel María até o vindeiro 31 de maio os sábados (de 11 a 14 e 16.30-18.30 horas) e domingos (11-14 horas). 

O artista parte da realidade de seu pai, coñecido como Antón do Bispo mais que en toda a documentación figuraba como Antonio, nome co que nunca foi chamado, ao tempo que un dos seus fillos oficializou o nome de Xoán Antón. A perda de identidade e a posíbel recuperación son a traba do discurso artístico de Gonzalo da Ullloa nunha mostra que se inaugurará cunha mesa redonda na que se debaterá sobre o proceso de perda dos nomes galegos e as posibilidades da súa restitución. A mesa redonda será o sábado día 11, ás 20 horas e nela participarán o propio irmá do autor e coprotagonista do relato que a mostra recolle ademais do profesor da Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña Xosé Manuel Sánchez Rei, investigador que ten traballado sobre historia da lingua, onomástica e toponimia. 

Comentarios